Sábado, 8 Febreiro de 2025

O BNG de Ponteareas urxe á xunta a que informe das previsións para o saneamento de Ribadetea

Os nacionalistas presentarou unha emenda aos Orzamentos da Xunta para que reserve unha partida e inicie a execución da obra no 2020

O BNG, a través do seu deputado Luís Bará, presentou unha iniciativa que se debaterá no Parlamento Galego para urxir á Xunta a que cumpra os seus compromisos en relación co saneamento da parroquia ponteareá de Ribadetea.

Luís Bará, acompañado do alcalde Xosé Represas e membros do BNG local, visitou a parroquia para reunirse coa Plataforma polo Saneamento en Ribadetea e darlle a coñecer o contido da iniciativa, na que o Bloque demanda que a Xunta informe das previsións para a redacción do proxecto integral de saneamento, así como do custe estimado das obras e a previsión orzamentaria para iniciar a execución desta obra no ano 2020.

Bará lembrou que “polas características da parroquia de Ribadetea, que conta con 900 veciños e veciñas, esta actuación foi considerada prioritaria polo conxunto da corporación municipal, polo que o goberno do PP na Xunta debe ser coherente e actuar en consecuencia con celeridade”.

O deputado nacionalista indicou que “dotar ás parroquias dun servizo básico como o saneamento ten que ser resultado dun plan de investimentos no que a Xunta se implique acompañando ás demais administracións”

Incluída nas emendas aos Orzamentos da Xunta

O BNG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2020, que se atopan en tramitación parlamentaria, para que o goberno galego destine os recursos necesarios para a execución da primeira fase da obra nese ano.

Así mesmo, o BNG presentou diversas emendas “para que a Xunta cumpra dunha vez con Ponteareas e reserve o diñeiro necesario para satisfacer as demandas históricas das e dos ponteareáns que ano tras ano ignora o goberno do PP”.

Entre estas actuacións, o Bloque reclamou obras de mellora nos centros de ensino, melloras de seguridade viaria e peonil, a construción da nova escola infantil, a renovación da residencia de maiores, a ampliación do centro de saúde ou a restauración e protección de elementos patrimoniais como a Ponte dos Remedios.