Mércores, 7 Maio de 2025

O alumnado do comedor do ‘Fermín Bouza Brey’ de Ponteareas comunícase en lingua de signos

Xantar no comedor do CEIP Fermín Bouza Brey, dependente da Concellería de Ensino que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, ten premio. Un premio de trascendencia social que fai posible que a igualdade e a inclusión sexa cousa de todos. As pequenas e os pequenos poden xantar nun ambiente máis relaxado e tranquilo onde os decibelios das voces dan paso á lingua de signos grazas á iniciativa da Concellería de Ensino que, xa no pasado curso escolar, daba os seus primeiros pasos nalgunhas aulas do centro.

Cristina Fernández explica que neste curso deuse un paso máis e implantouse o proxecto ‘En Voz Baixa’ no comedor escolar para que o alumnado desfrute dun tempo de xantar de calidade ao tempo que aprende a comunicarse en distintas linguas, como a de signos, promovendo ademais a igualdade e aprendendo dun xeito divertido e inclusivo.

No curso pasado o alumnado deste centro educativo tomou o seu primeiro contacto e aprendeu as nocións básicas desta lingua. Este curso son as profesionais do comedor escolar as que recibiron formación para saudar, presentar o menú e comunicarse durante este xantar silencioso.

A técnica Aránzazu Casas explica que a lingua de signos “aínda que é a lingua propia das persoas xordas aporta moitos beneficios a toda a sociedade”.

“Para as familias son todo vantaxes tanto a nivel persoal como educativo e social xa que mellora a comunicación e a convivencia, sobre todo en espazos compartidos como un comedor escolar”, explica Casas.

A lingua de signos é unha lingua visual e xestual “que favorece a comprensión da linguaxe verbal e amplía as habilidades comunicativas de calquera persoa”, concúe a concelleira Cristina Fernández.