Sábado, 3 Maio de 2025

Este domingo, ‘Poemas de Outono’ para Xela Arias dende a Asociación de Maiores de Ponteareas

Hoxe domingo, véspera do Día das Letras Galegas 2021, as concellarías de Cultura e de Benestar Social do Concello e Ponteareas –que dirixen os nacionalistas Fernando Groba e Verónica Carrera– e a Asociación de Maiores de Ponteareas presentarán o libro colaborativo Poemas de Outono. O acto realizarase na sala multiúsos do auditorio municipal ás 19 h.

Este volume, que naceu a partir dun curso de habilidades básicas en lingua galega que organizou a propia Asociación de Maiores, reúne unha serie de poemas ilustrados que escribiron a persoas que participaron e van acompañados de fotografías que poñen en valor tamén a paisaxe e os elementos patrimoniais de Ponteareas.

Ao principio, as creacións publicáronse nas redes sociais da asociación e logo decidiron publicar, coa axuda da Deputación de Pontevedra, un libro onde se recollen máis de medio cento de poemas e outras composicións que se reflicten distintos temas, todos relacionados co outono.

As persoas creadoras, de idades comprendidas entre os 52 e os 86 anos, non só pertencen á asociación, senón que tamén participan xentes doutros puntos de Galiza que se sumaron á iniciativa.

“Como ficou constatado no mes de abril, o mes do libro por excelencia, Ponteareas é potencia literaria, unha vez que presentamos 5 libros de persoas que viven no noso concello”, apuntan Fernando Groba e Verónica Carrera. Agora –engaden os edís de Cultura e Lingua e de Benestar Social e Igualdade– dentro das actividades do Día das Letras Galegas, presentamos outro. Agora ben, cómpre indicar que este volume ten un significado moi especial: primeiramente, pola sabedoría ancestral das súas autoras e autores e, en segundo lugar, polo feito de seren persoas, todas elas, que, a pesar de seren galegofalantes dende o berce, nunca tiveron a oportunidade de estudar e mesmo de valorar a súa lingua propia até chegar a este curso que organizou a asociación. Xa que logo, dámoslles os parabéns tanto á directiva do colectivo como a cada unha das persoas que participaron nesta obra colectiva”.