10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasCristina Fernández Davila, alcaldesa de Ponteareas

    Cristina Fernández Davila, alcaldesa de Ponteareas

    A rexedora nacionalista tivo palabras de agradecemento para Xosé Represas e destacou o seu legado nunha sesión plenaria na que Lola Covelo e Pancho Alonso tomaron posesión como edís do BNG

    Cristina Fernández Davila (BNG) é, dende este pasado venres, nova alcaldesa de Ponteareas, tras obter a maioría absoluta dos votos da Corporación ao sumar 9 do BNG e 3 do PSOE. “Non existe unha honra maior que representar a todas as veciñas e veciños da nosa vila como alcaldesa de Ponteareas”, manifestou con emoción tras a súa proclamación.

    Fernández Davila viña asumindo a alcaldía en funcións dende o pasado mes de decembro, suplindo ao xa excalcalde Xosé Represas. A alcaldesa nacionalista tivo palabras de agradecemento para el, asegurando que “é un orgullo para min poder recoller o testemuño que me transmite Xosé Represas, que sigue a ser o meu alcalde”.

    “Deixa un gran legado co que traballar en equipo co obxectivo de poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde: unha cidade moderna, amable, creativa, dinámica; referente cultural e educativa; un espazo natural que será reclamo dun turismo selectivo e esixente, poñendo en valor o patrimonio inmaterial do Corpus e o noso río Tea como sinais de identidade” sinalou Davila, incidindo que o de Represas é “un legado cheo de proxectos, uns xa realizados, outros que se están a desenvolver e numerosas ideas, grandes coma el. Desenvolver e levar a termo ese deseño de cidade será o meu obxectivo nestes vindeiros anos”.

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila no Pleno de toma de posesión. A carón dela, Lola Covelo (a dereita na primeira fila) en Pancho Alonso, (a dereita na segunda fila), novas incorporacións ao grupo municipal do BNG

    A alcaldesa de Ponteareas concluíu as lembranzas cun agradecemento para o seu antecesor. “Foi para min un privilexio traballar man a man baixo a dirección de Pepe Represas; deséxolle todo o mellor e agradezo a súa xenerosidade e confianza depositada en min durante estes mandatos”, destacou.

    A situación sanitaria e económica derivada da pandemia da COVID-19 tamén estiveron presentes no discurso de Cristina Fdez. Davila, que se comprometeu a “seguir políticas que teñan como obxectivo transversal reactivar a actividade económica e o emprego, recuperando a ilusión das e dos ponteareáns”.

    A alcaldesa agradeceu tamén o apoio das súas compañeiras e compañeiros do BNG e do PSOE. “Será un privilexio traballar co equipo que conformaremos o goberno e dispoñer da súa total confianza, formando así un grupo de doce persoas cohesionadas e que fan cesións para chegar a entendementos que supoñen sempre melloras para a nosa vila e as persoas que nela habitan”, dixo.

    “Hoxe inicio esta nova etapa con moita ilusión, para poñerme ao servizo das persoas de Ponteareas, do centro urbano e das parroquias, convencida de que xuntas podemos saír desta difícil situación, construíndo unidas unha vila da que podemos sentirnos orgullosas”, concluíu Fernández Davila.

    Cristina Fernández Davila é Técnica Especialista en Informática de Xestión. Dende 1993 é funcionaria do IES Val do Tea. Ten asumido diversas responsabilidades nas asociacións de nais e pais do alumnado e foi presidenta da Federación de Anpas FANPO. Dende 2012 é concelleira do BNG, asumindo no 2015 a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Dende as eleccións de maio de 2019, Fernández Davila asumiu a tenencia de alcaldía, así como as concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo.

    No pleno celebrado no serán deste venres, tamén tomaron posesión como edís do BNG Lola Covelo e Pancho Alonso, que regresa á Corporación da que xa formara parte entre o 2015 e o 2019 como concelleiro de Facenda.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.