A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe Fernando Groba, ultima os preparativos das que serán as ‘I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado’, unha iniciativa que nace con vocación de continuidade e que supón unha oportunidade única de coñecer unha parte da nosa historia da man de arqueólogos, historiadores, antropólogos e expertos na materia totalmente de balde dende o luns día 2 ao venres día 6 de marzo.
É a primeira vez que Ponteareas acolle unhas xornadas destas características que xorden para dar resposta á inquedanza dunha boa parte da poboación interesada en afondar nas nosas orixes.
Fernando Groba abre estas primeiras xornadas “a toda a cidadanía” e fai especial fincapé “na comunidade universitarita ofrecendo 0,9 créditos para os estudantes de grao e certificados de asistencia ás persoas que asistan ao 80 % das actividades”.
Organizadas en colaboración coa Concellería de Novas Tecnoloxías que xestiona Benito Márquez e coa Facultade de Historia da Universidade Vigo, estas xornadas traerán ao Museo de Ponteareas figuras do nivel do arqueólogo Xosé Lois Vilar; Marta Cendón e María Luisa Castro da Universidade de Santiago de Compostela; o arqueólogo da Deputación Rafael Rodríguez; Juan Manuel Buján, ministro Provincial dos Franciscanos; Carlos Andrés González Paz, do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Clodio González Pérez, do Museo do Pobo Galego e da Real Academia Galega; José Manuel Hidalgo Cuñarro, do Instituto Histórico e Xeográfico de Santa Catarina Brasil; Rafael Sánchez Bargiela do Instituto de Estudos Tudenses e o arqueólogo Alberte Reboreda, entre outras figuras expertas en Patrimonio e Historia.
Estas primeiras xornadas terán oco para as iniciativas das asociacións culturais sobre o patrimonio do Condado e no xoves haberá unha mesa redonda na que participará Marcos Escudero e Marina Alcalde da A.C. ViaxaMos no tempo, Nieves Barrera da asociación Rancho de Reis de Guláns e Arístides Carrera da asociación Patrimonio Cultural Val do Tea.
As e os participantes tamén gozarán de visitas guiadas ao Castro de Troña e aos petróglifos de Gargamala para ademais de coñecer o noso patrimonio, participar nunha clase práctica, sendo tan só preciso inscribirse no enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou a través do número de teléfono 986 66 07 65
Toponimia, arquitectura, o medievo, as nosas orixes ou a historia da arte floral serán algúns dos temas nos que adentrará o público da man dos expertos.
“Estas primeiras xornadas achegarán a importancia do patrimonio histórico e cultural á cidadanía, aos universitarios e ao alumnado en xeral e tamén suporán unha oportunidade única de escoitar a conferenciantes e expertos de dentro e de fóra de Galicia na nosa vila”, explica Fernando Groba.