Venres, 9 Maio de 2025

Concello de Ponteareas e centros educativos achegan material de ensino ao alumnado que o precisa

A concellería de Educación informa que para evitar que as familias saian á rúa, entrégase o material que os centros educativos deciden ao alumnado que o precisa

A concellería de Educación, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, fai chegar nestes días a través de persoal municipal, diverso material didáctico a aquelas familias que os centros eductivos consideran imprescindible. Trátase dunha iniciativa que permite que as familias non teñan que saír dos seus fogares.

Cristina Fernández aclara que “son os centros educativos os que deciden o material que hai que repartir e a que alumnado se lle ha de facilitar”. Grazas á colaboración entre os centros e o Concello, explica a concelleira, “é posible acurtar a brecha dixital e facer que os estudos continuen coa maior normalidade posible”.

Cristina Fernández asegura que “traballamos para que todo o alumnado dispoña das mesmas ferramentas e poida seguir formándose nas súas casas. Agradecemos a comprensión e colaboración das familias que afrontan a diario esta situación de excepción e que contribúen a saír desta crise sanitaria permanecendo nos fogares”.

Así mesmo, a Concelleira agradece “a todo o profesorado e comunidade educativa en xeral a súa rápida adaptación e o traballo que fan na procura de novos recursos educativos”.

Por último, a concelleira lembra que no botón ‘recursos lúdicos e educativos’ da páxina web do Concello as familias poden atopar propostas para o tempo de lecer deseñadas para o público infantil e para as familias e tamén no botón ‘COVID-19’ todas as medidas de urxencia adoptadas polo Estado nesta crise sanitaria, medidas sobre alugamentos, consumo ou axudas entre outras cuestións.

Nestes días ademais, distribuiránse vídeos con consellos e pautas para unha mellor convivencia nestes tempos de quedar na casa.