Sábado, 3 Maio de 2025

ACiP bloquea dúas mocións do PP para instar á baixada do IVE dos salóns de peiteado e a creación dun fondo de axudas á hostalería

Belén Villar lamenta a actitude de Juan Carlos G. Carrera que se posicionou en contra do interese xeral dos autónomos e pemes de Ponteareas ao non permitir a votación destas dúas mocións nas comisións informativas.

O Grupo Municipal do PP lamenta a actitude do portavoz de ACiP, Juan Carlos González Carrera, que, nas comisións informativas, bloqueou as dúas mocións presentadas polo PP por vía de urxencia.

Os populares entregaban á alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, dúas iniciativas para acordar con todos os grupos. Primeiramente unha moción que instaba o Goberno central a reducir o IVE aplicado aos salóns de peiteado, barbarías e salóns de beleza, cuestión na que todos estaban de acordo.

A segunda moción propoñía crear un Fondo de Cooperación entre Xunta, Deputación e Concello de Ponteareas para axudar ao sector máis castigado durante a pandemia actual, o sector hostaleiro, pola obrigatoriedade de pechar as súas portas. Villar propuxo facer un texto conxunto, se así o estimaban, e a alcaldesa en funcións deu o visto e prace. A sorpresa chegou segundos despois, cando Juan Carlos G. Carrera, representante de ACiP, mostrou o seu malestar e bloqueou a votación. “Non estou de acordo, non se poden votar porque non foron incluídas na comisión informativa”, afirmou o portavoz independente.

A portavoz do PP, Belén Villar considera que Carrera boicoteou a votación polo simple feito de que as iniciativas foron presentadas polo PP e non por ACiP e lémbra que “noutras ocasións eles trouxeron mocións de urxencia, e se estamos todos de acordo trátanse e vótanse en comisións. Parece que o único que lles molesta é que tivésemos nós a iniciativa”, lamenta Villar.

Os populares presentarán as mocións igualmente no pleno e solicitan máis diálogo e consenso antes dous temas que son clave para os veciños de Ponteareas. “É de traca que o Goberno local apóienos e ACIP non. Espero que rectifiquen e que no pleno amosen o seu apoio a estas iniciativas de interese xeral, as cales seguen abertas a un texto consensuado por todos”.