Mañá día 13 de Febreiro termina o prazo para que a Xunta de Galicia aprobe ou rexeite a aprobación do Plan Xeral e a decisión do Concello de Ponteareas de solicitar a suspensión temporal do prazo de aprobación é cualificado polo portavoz de ACiP, Juan Carlos González Carrera, como unha “fuxida para adiante”.
González Carrera lembra que cando en Pleno aprobouse o documento, se asegurou que “en menos de 3 meses estaría definitivamente aprobado”, pero no mes de outubro tiveron que repetir dita aprobación xa que “non enviaran a documentación completa”, e volveron a asegurar “que antes de Nadal”.
A petición dunha suspensión do prazo é, para o portavoz de ACiP “algo inaudito”, e asegura que logo de consultar ao secretario municipal “a suspensión non pode pedila o Alcalde xa que é competencia de pleno”.
Doutra banda, González Carrera afirma que “a Xunta non requeriu nada” e que na reunión cos grupos municipais “o único documento que nos entregou é o escrito seu de solicitar a suspensión”. Logo de pedir a dimisión da concelleira de Urbanismo, González Carrera matiza que “a suspensión solicitada é sen prazo concreto” e afirma que o tempo dalles a razón “cando asegurabamos que o documento non é válido” e que “era un desastre para as parroquias”.
Lembra González Carrera que o seu grupo “foi o único que percorreu parroquia a parroquia informando os veciños” e non se corta o portavoz independente asegurando que o Goberno “quedou inhabilitado moralmente para aprobar este documento”.