Martes, 13 Maio de 2025

Aberto o prazo de solicitude de admisión para os centros educativos de Ponteareas

A concellería de Educación, que xestiona a tenenta de alcalde Cristina Fernández, lembra que estará aberto ata o día 20 de marzo

A concelleira de Educación e tenenta de alcalde do Concello de Ponteareas, Cristina Fernández, vén de lembrar a interesados e interesadas que ata o vindeiro 20 de marzo está aberto o prazo de solicitude de admisión tanto nos centros de infantil e primaria coma nos institutos de ensino secundario do concello de Ponteareas.

Mil cincocentos alumnos/as de infantil e primaria estudan nos cinco CEIPS e no Centro Rural Agrupado (CRA A Picaraña) de Ponteareas. Grazas á colaboración da concellería de Ensino todos os centros contan con servizo de aula matinal facilitando a conciliación familiar e laboral.

Ademais, os tres CEIPs do centro urbano ofrecen o servizo de comedor e a través das ANPAs todos os centros educativos de primaria desenvolven actividades extraescolares para que as familias poidan ter un amplo abano de servizos de formación regrada e non regrada.

Ao alumnado de infantil e primaira haille que sumar os 1.178 alumnos e alumnas dos tres Institutos de Ensinanzas Secundarias do noso concello. Cristina Fernández salienta os bos resultados acadados nas probas de selectividade do curso anterior cunha media do 98,7 % de aprobados, mostra do bo traballo realizado polo equipo educativo e do alto nivel dos nos IES. En contínua evolución para cubrir as inquedanzas e necesidades educativas da mocidade, este curso ofreceuse xa a modalidade do bacherelato de Artes para o que o alumnado xa pode solicitar tamén a admisión.

A concelleira de Educación subliña que os centros educativos de Ponteareas “ofrecen unha ensinanza cercana ás familias, participativa e involucrada tanto na súa contorna como no día a día do propio concello a través da participación no Consello da Infancia e da Mocidade como nas actividades deseñadas para o alumnado”.