Sábado, 9 Novembro de 2024

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado convoca unha nova concentración en Ponteareas o 17 de setembro

Durante a concentración presentarase a ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) no Condado e A Paradanta

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta convoca a unha nova concentración o vindeiro sábado 17 de setembro na Praza Maior de Ponteareas ás 20 h. Na concentración farase a presentación da ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) en defensa da sanidade pública que foi preparada polos distintos colectivos agrupados na plataforma SOS Sanidade Pública. Así mesmo, no transcurso da concentración tamén se procederá á recollida de sinaturas en apoio de dita ILP. Cabe lembrar que para que esta iniciativa poida ser tramitada no Parlamento de Galicia será necesaria a recollida de 10 000 sinaturas.

A do sábado 17 será a primeira dunha nova rolda de concentracións que a Plataforma realizará nos distintos concellos das comarcas do Condado e A Paradanta, esta vez facendo a presentación da ILP e recollida de sinaturas.

Dende a Plataforma lembran a necesidade de continuar coas mobilizacións, xa que a situación da sanidade pública, lonxe de mellorar, segue a empeorar. Lembran que a situación é tal que en ocasións o PAC de Ponteareas, de referencia nas dúas comarcas, queda ás veces cun so médico e incluso sen ningún, se este se ten que desprazar. A isto habería que sumarlle que en Ponteareas, a día de hoxe, 8000 persoas non teñen asignado neste momento médico de cabeceira.

A Plataforma lembra tamén que o progresivo deterioro da sanidade pública non é un feito casual, se non o resultado das políticas privatizadoras da sanidade que se levaron a cabo durante anos tanto dende o goberno central coma dende a Xunta de Galicia. A sanidade é un nicho de negocio moi apetecible para as grandes corporacións sanitarias e para facerse con el necesitan do deterioro da sanidade pública. Tarefa esta para a que contan con políticos cómplices.

Dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e a Paradanta chaman á veciñanza a participar nesta e nas vindeiras concentracións e a asinar en apoio á ILP en defensa da sanidade pública.