15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Ludoteca de Ponteareas, motivo dun novo enfrontamento entre o PP e...

    A Ludoteca de Ponteareas, motivo dun novo enfrontamento entre o PP e o Goberno local

    Os Populares aseguran que a Ludoteca "exclúe aos nenos e nenas de 2 a 5 anos" mentres que o Goberno local limítase a sinalar que "o PP non se entera do que é unha ludoteca"

    As declaracións formuladas polo PP nas que aseguraba o Goberno local –co apoio por certo de todos os grupos agás o PP– aprobaba un regulamento no que excluía “aos nenos e nenas de 2 a 5 anos”, vén de marcar un novo enfrontamento entre os populares e o Goberno ponteareán que, indignado, lémbralle á concelleira Balén Villar que “nunca se admitiu a nenos e nenas de esas idades, tampouco na época de Goberno do PP”.

    Aseguraban os populares non compartir a postura dos demáis grupos da Corporación –BNG, PSOE e ACiP (16 concelleiros e concelleiras dun total de 21)– xa que lles parecía “algo insólito e inadmisible, contrario a toda política de conciliación, igualdade e de mellora dos servizos públicos”.

    O PP tamén criticaba que o Goberno bipartito co apoio de ACIP, “excluía da gardería ós nenos/as con determinades enfermidades como a Hepatite ou VIH” co que, dicían os populares “o que están fomentando é a exclusión social dos que padecen estas enfermidades”.

    O Regulamento foi feito, segundo PP “ás presas” despois dunha inspección que fixo a Xunta de Galicia a este centro municipal no mes de agosto onde se detectaron “graves irregularidades”.

    O PP non de entera do que é unha ludoteca

    A reacción do Goberno local non se fixo esperar e a través da súa concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, lamentou “a actitude do PP tentando, unha vez máis, desinformar á cidadanía e menosprezando o traballo diario das e dos profesionais da ludoteca”.

    Verónica Carrera aclara que na ludoteca nunca se admitìu a nenos de 2 a 5 anos, tampouco na época de goberno do PP “polo que agora resulta increíble a postura deste partido”.

    Explicaba a responsable de Benestar Social os motivos nos que se sustentaba o redulamento da ludoteca e, nesa liña, apuntaba como primeiro o feito que a ludoteca enténdese “como un lugar de ocio donde se fan actividades lúdico educativas en grupo”, engandindo que “calquera que entenda un pouco de pedagoxía e psicoloxía evolutiva sabe que os nenos e as nenas ata seis anos non teñen interiorizado o xogo como algo grupal, para eles é un feito individual de interiorización e aprendizaxe e non están todavía capacitados/as para asumir regras de xogo e compartir o xogo en grupo”.

    En segundo lugar “polas instalacións da ludoteca existente desde hai décadas” e, en terceiro lugar, sinalaba Verónica Carrera, “polo persoal co que conta o Concello e que é o que dende décadas leva prestando este servizo”.

    Por outra banda, respecto ás acusacións de non ser unha ludoteca “inclusiva”, a concelleira reitera que “o é tanto a nivel social e económico coma físico e psíquico dentro do que permite a lei”. “Estamos a falar da saúde e do benestar das nenos e dos nenos –apuntou Carrera– que deben dispor de certificados médicos que tamén se lles pide ao propio persoal como o de non padecer, entre outras, enfermidades infecto-contaxiosas ningunha”.

    Un neno cunha simple gripe “xa non pode asistir ao centro escolar e tampouco a unha ludoteca ou centro público porque pode transmitir a súa enfermidade a outros”, aclarou a concelleira que cualificou de “incrible” ter que aclarar ao PP “cuestións obvias que calquera persoa entende”.

    Respecto ao subministro de medicamentos, Verónica Carrera recórdalle ao PP que “en calquera centro educativo ou de ensino regrado non se permite a administración de medicamentos, na folla de inscrición xa queda recollido as posibles enfermidades ou alerxias e se tiveran diabetes ou calquera outra doenza deben vir as nais ou os pais”.

    A concelleira de Benestar Social foi clara ao recalcar que “o persoal educativo non pode administrar medicamentos porque non é persoal sanitario”. Evidentemente, aclarou, “non se desatende a ninguén e se houbera calquera imprevisto chamaríase ás nais ou pais ou aos servizos de urxencias e aplicaríanse as medidas de primeiros auxilios e socorro das que dispón o persoal”.

    A concelleira concluíu criticando a actitude irresponsable do PP que “tiveron moitos anos para arranxar o regulamento e funcionamento da ludoteca en tódolos aspectos e nunca fixeron nada máis que menosprezar este importante servizo que axuda no día a día a tódalas familias cun persoal moi profesional que amosa ilusión en cada traballo que realiza”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.