12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Feira do Libro de Ponteareas baixa o pano impoñéndose á calor

    A Feira do Libro de Ponteareas baixa o pano impoñéndose á calor

    Concello e librarías fan un balance positivo da quinta edición

    A Feira do Libro de Ponteareas baixou onte domingo o pano cun grande éxito de público, que se achegou á Praza Maior para gozar da ampla programación a pesar da vaga de calor dos últimos días. Concello e librarías fan un balance positivo desta quinta edición, que conseguiu aglutinar 22 presentacións e sinaturas de libros, máis da metade creados por autoras e autores ponteareáns. “Estamos moi contentos co resultado e coa boa acollida por parte da veciñanza, que desfrutou dunha feira segura, con moita vida e todas as medidas de prevención necesarias nos intres nos que estamos”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

    A quinta edición da feira pechaba o domingo as súas portas por todo o alto, coa presentación de Palabra de Martes, unha obra que recolle unha recompilación de textos escritos polo alumnado do obradoiro de escritura creativa organizado polo Concello de Ponteareas e que está coordinada pola propia formadora do curso, a escritora e actriz María Lado. Para o edil de Cultura “é un orgullo ver como o traballo que estamos a facer dende o Concello repercute na nosa sociedade de forma tan positiva e como nos permite achegar a novos nomes ao noso panorama literario”.

    Palabra de Martes aglutina arredor de medio cento de textos escritos por 13 autores e autoras: Teresa Ríos Noya, Evaluna Stark, Javier Ogando Bautista, Hortensia Bautista, Ana Belén Fernández, Carmen Lemos González, David Fernández Columna, Laura Domínguez Meiriño, Pilar Alonso Suárez, Marta González Alonso, Daniel Eireos Quinteiro, Sara Cabaleiro García e Lome. A presentación contou coa participación da alcaldesa, Cristina Fernández Davila; do concelleiro de Cultura, Fernando Groba; da coordinadora do libro, María Lado e das e dos escritores.

    Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira ofertou ademais de presentacións e sinaturas un amplo programa de animación dirixido a todos os públicos.

    Ademais do pregón e da actuación musical inicial, foron moitos os cativos e cativas que participaron nos obradoiros organizados polas mañás na Praza Maior ao abeiro da feira. Destaca tamén a alta participación no certame ‘Remata o conto’, unha iniciativa da Concellaría de Cultura en colaboración co Centro Comercial Aberto Banastra coa que se buscaba fomentar a escritura en galego.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.