Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación pecha o venres en Ponteareas a xira do espectáculo ‘X Xela’

Entrada libre ata completar capacidade

O Auditorio Municipal de Ponteareas será este venres 10 de decembro en Ponteareas o escenario do espectáculo ‘X Xela’, un evento co que a Deputación pretende poñer en valor o galego e conmemorar as Letras Galegas dedicadas este ano a Xela Arias baixo o lema ‘365 días en galego’. A asistencia ao espectáculo, que se celebrará a partir das 20.30 horas, é libre ata completar a capacidade da sala, limitada a 80 persoas.

Esta actuación xorde despois de que a primeira fóra cancelada a finais do mes de setembro pasado, cando estaba programada para completar as festas de San Miguel. Entón estaba prevista na Praza da Feira Vella, mais un temporal impediu que se celebrase, demorándose ata esta semana a súa organización. Finalmente será o acto de peche de xira logo de percorrer toda Galicia.

‘X Xela’ é un espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora Xela Arias misturando tres formatos: música, poesía e fotografía. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, “será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unha poeta tan singular”.

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

Fotografía de Rafa Estévez ©

A parte poética de ‘X Xela’, comisariada por Tamara Andrés, contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: Helena Salgueiro, Vanessa Glemsel, Estíbaliz Espinosa, e Nuria Vil, todas elas rebeldes e denunciadoras de desequilibrios que lanzarán “frases coma frechas”. “O espírito de Xela estará moi presente”, subliña a comisaria.

O espectáculo ‘X Xela’ xa pasou da man da Deputación pola praza da Ferrería en Pontevedra o pasado mes de xuño. De forma paralela, a institución provincial tamén organizou outras actividades relacionadas con Xela Arias que se desenvolveron durante todo o ano.