Luns, 24 Marzo de 2025

A Corporación Municipal de Ponteareas aproba por unanimidade a moción da veciñanza de Ribadetea sobre o saneamento da parroquia

Esixen ao Goberno da Xunta que cumpra o seu compromiso de aportar o 80 % da totalidade da obra de Saneamento na parroquia

No pleno ordinario do Concello de Ponteareas, celebrado o pasado 28 de xullo, a totalidade dos concelleiros da Corporación Municipal votaron a favor dunha moción presentada pola Plataforma veciñal de Ribadetea, na que se acordou esixirlle á Xunta de Galicia que elabore o proxecto de execución da totalidade do saneamento da parroquia, así como “que cumpra o seu compromiso de aportar o 80 % do seu custo”.

Esta actuación na parroquia máis poboada de Ponteareas na que aínda carecen de saneamento os seus 900 habitantes, forma parte da programación de obras do Plan Director de Saneamento, iniciativa deste Goberno ponteareán “que permitirá achegar este servizo básico aos máis de 7.000 veciños e veciñas que a día de hoxe carecen del, a maioría nas parroquias de Ponteareas”, sinala o executivo local.

“O Concello xa ten unha reserva orzamentaria no 2020, e asumiremos o 20 % do custo da totalidade da obra, como puxemos enriba da mesa nas reunións celebradas con Augas de Galicia nos últimos anos”, explica o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas ao que engade que o goberno que preside “estableceu as bases para poder acometer agora estes importantes investimentos en saneamento, que serán tamén unha prioridade nos vindeiros anos. Resulta incrible que no 2020 teñamos tantos milleiros de veciños e veciñas sen a canalización e tratamento das augas residuais”.