Xoves, 27 Marzo de 2025

A Concellería de Medio Ambiente de Ponteareas “reta” á cidadanía a participar na Carreira de Orientación

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, convida a toda a cidadanía a participar na Carreira de Orientación que terá lugar o vindeiro domingo 22 de setembro. Cun custe de inscrición case que simbólico, 4 euros para adultos e 3 € para nenos e nenas, todas as persoas participantes colaborarán coa protectora de animais Os Biosbardos que recibirán o importe das inscricións.

A Carreira de Orientación, dirixida por Toxo Aventura, levará aos participantes polo centro urbano de Ponteareas contribuíndo ao coñecemento do noso patrimonio natural, histórico e arquitectónico pero tamén desvelará recunchos singulares.

Ademais a proba servirá para fomentar a concienciación de respecto ao medio ambiente e a importancia de non consumir máis plásticos dos imprescindibles convidando aos participantes a retornar o vaso de plástico que se entrega coa inscrición compensando esta acción cun euro de volta e entregando a Os Biorbardos tres euros no caso dos adultos e dous no caso dos menores.

A inscrición pódese facer de xeito individual ou en grupo (equipos), e existirán catro categorías diferentes: Toxiños (iniciación para nenas/os, se son menores de 9 anos deberán ir acompañados de un adulto), Toxos (adultos ou nenas/os con maior dificultade física e técnica), Toxeiras (categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en Orientación) e Chorimas (categoría aberta para persoas con discapacidade).

A proba dará comezo ás 10:30 dende a Praza Maior, e consistirá en atopar, en orde, unha serie de puntos (denominadas balizas), espalladas polo entorno urbano do Concello. Para iso disporán dun mapa específicamente creado para este tipo de carreiras, e aínda que non se trata dunha proba competitiva, o equipo/persoa gañador será aquel que faga correctamente o seu percorrido no menor tempo posible.

Os participantes contarán para isto cunha tarxeta electrónica que lle facilitará a organización, para comprobar que o percorrido é válido. Cabería salientar tamén que esta proba terá horarios de saída escalonados, de xeito que ningunha persoa/equipo sairá ao mesmo tempo que outra co mesmo percorrido.

Ao rematar a carreira, a organización disporá dun pequeno avituallamento para tódolos participantes, onde poderán comprobar en tempo real os resultados.

Rosa Covelo adianta que se trata dunha actividade “apta para todas as idades” e fai extensivo o convite ás familias “que poden participar como equipo”.