A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, Rosa Covelo, lamentou hoxe a imaxe dada por un contedor en Canedo “con enseres que deben ser depositados no punto limpo” un feito que, sinala a concelleira, “reflicte a falta de solidariedade dalgúns cidadáns”, que cada vez son menos, pero que aínda se dan casos. Covelo anima á veciñanza a colaborar ao mesmo tempo que a denunciar aquelas actitudes incívicas “trasladando ás autoridades toda a información posible”.
A concelleira de Medio Ambiente lembra á cidadanía que o punto limpo está pechado ao público por mor do estado de alarma “pero que o servizo de recollida de enseres sigue funcionando con total normalidade e cada venres a primeira hora da mañá comeza o seu percorrido recollendo tódolos enseres depositados nos puntos previamente comunicados pola cidadanía vía telefónica”.
O servizo, “totalmente gratuíto, cómodo e limpo” pódese utilizar facendo tan só unha chamada ao teléfono 986 640 307 para organizar a ruta de recollida. Os e as solicitantes deberán deixar os seus enseres dende o xoves ás 21 horas ata ás 6 horas do venres “para non molestar ao resto da cidadanía e sempre previa chamada”.