Sábado, 3 Maio de 2025

A Concellería de Ensino de Ponteareas publica a listaxe definitiva de concesión de axudas de libros e material escolar 2020

As familias con ingresos limitados poden solicitar o adianto da cantidade solicitada na axuda

A Concellaría de Ensino do Concello de Ponteareas que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández Davila, vén de poñer en coñecemento de todas as persoas interesadas, que xa están publicadas na páxina web do Concello as listaxes definitivas da concesión das axudas para libros e material escolar para o curso 2020/21 destinadas ao alumnado matriculado en educación infantil (4º, 5º e 6ª), FP básica, ciclos formativos e bacharelato.

O prazo de admisión de solicitudes finalizou o 18 de agosto estando destinadas a familias con ingresos limitados. Un total de 20.000 € para as familias empadroadas no Concello de Ponteareas que teñen menores ao seu cargo, matriculados para o presente curso escolar nalgún centro de ensino de Ponteareas en Educación Infantil, FP Básica, CF e Bacharelato, ou noutra localidade no caso de CF, para axudas de libros de texto e material escolar e que non dispoñen de ningunha outra axuda de organismo público.

Por sexto ano consecutivo a concelleira de Ensino colabora coas familias aportando un apoio máis ao acceso dun ensino de calidade e que acurta as diferencias sociais e garante a igualdade de oportunidades, sobre todo neste ano tan complicado por mor da crise sanitaria do COVID19.

Nesta edición, as bases regulan a posibilidade de que as familias reciban o adianto da contía da axuda a fin de poder mercar todo o material a comezo do curso e non ter que esperar á resolución definitiva e posterior transferencia por parte do Concello. “Resólvese deste xeito a carencia de recursos para algunha das familias máis afectadas pola crise deste ano” comenta a concelleira de Ensino.

Con estas axudas cúbrense as necesidades de material educativo de 176 alumnas/os que son o total das solicitudes que cumprían os criterios establecidos nas bases.