13.1 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz estuda medidas urxentes para sanear as árbores da praza maior

    Mondariz estuda medidas urxentes para sanear as árbores da praza maior

    Un informe técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro solicitado en 2020 alerta da necesidade de substituír ou eliminar algúns dos icónicos tileiros da Praza de España

    Á vista do estado de conservación das árbores da Praza de España, o Goberno municipal de Mondariz está valorando un plan de acción para substituír ou eliminar as máis danadas e garantir a seguridade deste espazo público de gran actividade social. “Nos próximos meses haberá actuacións ao respecto. Non podemos esperar a que haxa caídas de ramas ou mesmo pés para actuar, cando xa dispoñemos de informes técnicos que recomendan substituír e mesmo eliminar algunhas das árbores porque a podremia interna está demasiado avanzada”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    En 2020, a resposta dunha solicitude expresa do alcalde de Mondariz, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizou unha avaliación técnica do estado dos icónicos tileiros da Praza de España, no que se corroboraba a diagnose dun estudo previo emitido no ano 2015: unha perigosa tendencia á podremia nos pés das árbores, derivada das podas feitas durante anos para darlles unha estrutura artificial de candelabro.

    Despois dunha avaliación visual preliminar dos 35 tileiros da Praza, no informe técnico recomendouse substituír e eliminar catro pés, manter a vixilancia sobre outros 25 pés por diferentes niveis de risco, ir substituíndo ou mesmo eliminando os pés máis desequilibrados, sanear aqueles tileiros que presentan máis ramas secas e defectos estruturais, e separar o empedrado das proximidades das árbores.

    “Como esta actuación non se pode adiar, temos previsto aproveitar as obras que se realicen na Praza durante o cambio integral de luminarias e cadros eléctricos en Mondariz para reorganizar o arbolado e instalar uns novos báculos no centro que melloren a iluminación e sirvan de plataforma para colgar elementos durante o verán e dar sombra a este espazo aberto en condicións de seguridade”, explica Barros.

    O asunto do estado dos tileiros da Praza de España e a necesidade de actuar para manter a seguridade do lugar foi tratado na última Comisión de Urbanismo celebrada no Concello de Mondariz. Malia que este concello realiza un seguimento periódico do estado de conservación das árbores, como demostran os informes técnicos mencionados, a recente caída dunha árbore no veciño Concello de Mondariz-Balneario, que deixou unha persoa morta e varias máis feridas, alertou da necesidade de tomar medidas inmediatas para previr catástrofes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.