Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz debe a Mondariz Balneario 138.246 € pola falla de entendemento na xestión da depuradora

O Concello de Mondariz recoñece que debe ao de Mondariz Balneario 138.246,47 € que se corresponden aos gastos da depuradora dos exercicios 2019-2020-2021. Así o recoñece o concelleiro de facenda nun documento oficial asinado o 25 de xaneiro deste ano, que sinala que “o Concello de Mondariz Balneario non xustifica as cantidades facturadas para cada un dos exercicios”.

AporM sinala que o goberno municipal de Mondariz é incapaz de dialogar e chegar a acordos co Concello de Mondariz Balneario, o que provoca que as augas sucias de Mondariz que poderían ser tratadas na EDAR que a Xunta de Galicia construíu naquel concello a través dun colector (dotado para verteduras de 2.000 habitantes equivalentes), siga sen conectarse á depuradora.

Na actualidade, a EDAR conta cunha autorización de vertedura ao río para 2.500 habitantes equivalentes, sen embargo as súas características técnicas garanten a capacidade de depuración das augas residuais de 6.000 habitantes equivalentes, polo que sería preciso formalizar a conexión do colector de Mondariz e solicitar a autorización da Confederación Hidrográfica para unha vertedura acorde á capacidade real da EDAR.

Montes Bugarín sinala que “os alcaldes de Mondariz e Mondariz Balneario teñen que entender tamén que si Mondariz non depura adecuadamente as súas augas sucias, o río Tea e ambos os dous concellos son os principais prexudicados, xa que o medio natural e os bañistas sofren as consecuencias”.