“As obras de humanización na contorna do centro urbano de Mondariz levan paradas dende xuño de 2019 pola necesidade de notificar os múltiples cambios efectuados sobre o proxecto autorizado inicialmente pola Deputación de Pontevedra, que financiou as obras por importe total de 232.735 euros”, explicou hoxe o Goberno local de Mondariz que preside Xosé Emilio Barros.
O proxecto de mellora da movilidade urbana e da seguridade vial afecta ás céntricas rúas de Concepción Arenal e Merouces, así como á baixada cara a avenida do Grupo Escolar, onde se localizan a Casa do Concello, o Centro de Saúde, o Centro de Día e a Biblioteca Pública Municipal, así como o CPI de Mondariz nas súas proximidades (avenida do Grupo Escolar).
No proxecto subvencionado pola Deputación, aclara o executivo local, “establecíase un uso preferente dos peóns sobre os vehículos, cuestión esta que será respectada polo actual equipo de goberno malia á existencia de varias deficiencias que teñen difícil solución inmediata”.
“Ademais dos cambios estéticos e da perda de personalidade das rúas, as melloras propostas dificultan o paso de autobuses e outros vehículos pola avenida do Grupo Escolar en horario lectivo”, sinala o alcalde, Xosé Emilio Barros.
O goberno municipal recoñece que estas obras causaron un importante malestar entre os veciños e as veciñas do barrio de Merouces polo descoñecemento popular das accións a desenvolver. “Co obxectivo de aclarar a situación, convocarase á veciñanza de Merouces para explicar o proxecto e os cambios efectuados sobre o mesmo, a pesar de non compartir parte deles”, apunta Barros.
Durante o transcurso das obras realizáronse modificacións tales como a redución ou eliminación de elementos de humanización (árbores, farois, papeleiras,…) nunha parte da rúa Concepción Arenal, a instalación de lastra sobre formigón en lugar de sobre area ou a introdución dunha instalación para a recollida de augas pluviais “que non aparecía no proxecto inicial”. Por outra banda, na adxudicación aceptáronse melloras engadidas “moi precarias que están a ocasionar problemas no tránsito de autobuses e outros vehículos durante as horas puntas na avenida do Grupo Escolar e na praza de Merouces”, afirma o Goberno local.
Tralas modificacións realizadas durante o transcurso das obras, antes da súa paralización temporal, o importe do proxecto aumentará un 14,99 % respecto ao prezo de adxudicación (193.658,79 €).
O Goberno de Mondariz asegura que “a humanización da contorna do centro urbano e as complicacións derivadas da xestión inicial deste proxecto son unha herdanza do goberno anterior. Así como no caso das obras en curso nas instalacións deportivas da Lagoa, no recinto do CPI de Mondariz ou na antiga escola de Redo (parroquia de Vilar)”.
“O actual goberno municipal ten a vontade de rematar o que se empezou, –declara o alcalde Xosé Emilio Barros– sen pór en risco a financiación, por responsabilidade política e sentido común”, aínda que non concorda coa xestión de proxectos como as obras de humanización e a construción dunha pasarela cuberta no CPI de Mondariz.