7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizCarmela Silva inaugura as obras do Complexo Deportivo da Lagoa, en Mondariz

    Carmela Silva inaugura as obras do Complexo Deportivo da Lagoa, en Mondariz

    O alcalde, Xosé Emilio Barros, afirma que a obra “xustifícase por si soa” e subliña que a presidenta da Deputación “pode marchar hoxe de aquí coa satisfacción que dá o traballo ben feito”

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou este sábado as renovadas instalacións deportivas da Lagoa, en Mondariz. Silva, que estivo acompañada polo alcalde, Xosé Emilio Barros, e o presidente do Mondariz C.F, José Manuel Vicente, puxo esta actuación como exemplo de actuación pública que fai posible asentar poboación no rural, proporcionando servizos de calidade no territorio.

    A actuación foi financiada ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos. Así, en total, a Deputación de Pontevedra achegou ao concello de Mondariz 529.962,31 euros que serviu para reordenar o espazo dos dous campos de fútbol, de herba natural e sintética. Construíuse un gran módulo para albergar os vestiarios e servizos, unha cafetería acristalada con vistas ao terreo de xogo, un espazo de lavandería, despachos e unha pasarela cuberta para conectar co graderío. Ademais, executáronse unhas balsas ecolóxicas para a depuración da auga, unha solución que vai na liña da aposta da Deputación de Pontevedra pola sustentabilidade.

    Durante a inauguración, na que tamén participaron o deputado provincial Gregorio Agís e os concelleiros José Luis Fernández, Leopoldo Tato e Ánxeles Carballo, Carmela Silva destacou que a cidadanía debe ter os mesmos dereitos viva onde viva. “A xente comeza a estar un pouco cansa de que se fale de que hai tomar decisións para frear o despoboamento do interior, pero que logo non se fagan cousas para que as veciñas e os veciños poidan quedar no territorio“. “O despoboamento“, continuou, “combátese dándolle á veciñanza servizos de calidade“.

    A presidenta da Deputación destacou o valor do deporte, “que é algo máis que unha simple actividade humana porque, ademais de educar en valores, serve para que todas e todos traballemos en equipo”. Silva agradeceu o traballo das sucesivas directivas do Mondariz C.F., “xente que, sen nada a cambio, dedica moitas horas da súa vida ao ben común” e destacou tamén a presencia feminina, tanto na actual directiva, como nas anteriores, mesmo unha delas presidida por unha muller, como Sandra González.

    A presidenta Silva cualificou a renovación do complexo deportivo da Lagoa como “unha obra de 10” e adiantou que a Deputación ten vontade de seguir colaborando cos concellos da provincia con novos plans, “para que os concellos, que son os que mellor coñecen as necesidades, poidan facer máis obras como esta, financiada co Plan de Reequilibrio”.

    Finalmente, quixo aplaudir a presencia no acto non só das anteriores directivas do Mondariz C.F, que cumpre 100 anos en poucos meses, senón tamén do anterior alcalde. “Os políticos temos que querer aos nosos pobos tanto se estamos gobernando, como se estamos na oposición ou xa fóra da actividade política, así que o que vexo aquí hoxe fala moi ben de Mondariz”.

    O actual alcalde, Xosé Emilio Barros, comezou agradecendo o traballo de tódalas directivas do club e felicitou expresamente á Deputación de Pontevedra. “Esta é unha obra que xustifícase por si soa”, subliñou. “A Deputación fixo un esforzo importante e investiu moitos cartos, pero a presidenta pode marchar de aquí coa satisfacción do traballo ben feito”. O presidente do Mondariz C.F., José Manuel Vicente, pola súa banda destacou que o club conta agora cunhas magníficas instalacións para os deportistas, “pero tamén para as familias, que poden gozar duns equipamentos de calidade”. Todo elo, engadiu, anima á directiva a continuar “con moita máis ilusión aínda”.

    A Deputación de Pontevedra investiu no concello de Mondariz máis de 5 millóns de euros durante o pasado mandato 2015-2019. Con cargo á Liña 1 do Plan Concellos financiou un total de 42 obras por máis de un millón de euros. Ademais, ao abeiro da liña 3, de Emprego, Mondariz contratou a un total de 67 persoas desempregadas para traballar no Concello.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.