Sábado, 3 Maio de 2025

Alternativa por Mondariz solicita ao Goberno local o incremento das axudas para material escolar “por un previsible incremento da demanda”

A formación que encabeza Xoán Carlos Montes Bugarín pide a posta en marcha de outras iniciativas como o curso de alfabetización dixital para nais e pais, clases de reforzo e campamentos para a conciliación da vida laboral e familiar

Alternativa por Mondariz vén de solicitar ao Goberno local o incremento da partida económica destinada a axudar a adquisición de material escolar ás familias con menos recursos económicos e que teñan nenos e nenas cursando primaria e ESO.

Xoán Carlos Montes, portavoz de AporM, lembra que no pasado mandato e estando a súa formación no Goberno, “estas axudas xa foran incrementadas de xeito significativo”. Agora, engade, “a crise propiciada pola pandemia da COVID-19 fará que a demanda deste tipo de axudas se incremente, polo que o Concello ten que ter previsto o incremento destas axudas”.

Os concellos, lembra o voceiro de Alternativa por Mondariz, “son as administracións máis próximas á cidadanía e, como tal, teñen que dar respostas rápidas e áxiles ás necesidades da mesma, sobre todo, daquelas que atinxen ás persoas e familias máis vulnerables”.

Asemade, AporM pide a posta en marcha de tres iniciativas, directamente relacionadas co ensino e a infancia, que consideran “de extraordinaria importancia”

Así, solicítase do Goberno local a posta en marcha dun curso de Alfabetización Dixital dirixido a nais e pais, iniciativa que cumpriría un dobre obxectivo. Por unha banda, explica o Xoán Carlos Montes, “nais e pais adquirirían coñecementos básicos de informática para axudar aos nenos e nenas na xestión de tarefas escolares, xestión de datos na nube ou buscas seguras en internet”.

Por outra banda, e non menos importante, “contribuiríase á protección e defensa dos nosos fillos e fillas do ‘lixo dixital’, cada día máis abundante, que circula polas redes como mentiras ou fakes, pornografía ou ciberdelincuencia en xeral”.

Clases de reforzo e campamento de conciliación

Outra das peticións que Alternativa por Mondariz formula ao Goberno local, é a de explorar alternativas que permitan organizar “clases de reforzo e recuperación” dirixidas aos nenos e nenas que “tiveron máis dificultades académicas nos últimos meses de crise sanitaria”.

Finalmente, AporM chama a atención sobre a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar co verán as portas, polo que solicita a creación dun campamento de verán dirixido a nenos e nenas menores de 16 anos, en horario de mañá.