Sábado, 3 Maio de 2025

Alternativa por Mondariz rexeita a intencion do Goberno local de “ir á guerra con Mondariz Balneario” polo problema da depuradora

Calis aposta por buscar unha solución que implique aos dous concellos, á Xunta e á Confederación

Contra Mondariz Balneario a única solución é ir á guerra, con estas palabras, pronunciadas no último pleno ordinario polo concelleiro de Obras, Poldo Tato (BNG), sintetizaba a única opción que baralla o Goberno local (BNG e PSOE) para solucionar o problema da utilización da depuradora situada en Mondariz Balneario”, asegura o portavoz de Alternativa por Mondariz (AporM) Calis Montes Bugarín.

A depuradora foi construíu en 2005 pola Xunta de Galicia para tratar as augas sucias de 6.000 persoas –a vila balnearia ten 637 habitantes, segundo o IGE–investindo daquela a administración galega case un millón de euros na construción deste equipamento do que se beneficiarían ambos os dous concellos.

“No ano 2015 o Goberno de AporM –explica Calis Montes– tramitou as autorizacións necesarias para conectar o colector da rede de saneamento de Mondariz, que xa estaba en construción, á depuradora de Mondariz Balneario, pero a Confederación Hidrográfica desautorizou a conexión da rede mondarizá á estación de augas residuais argumentando que esta xa superaba o efluente autorizado, polo que non tiña sentido sumar un novo colector”.

O portavoz de AporM sinala que o alcalde de Mondariz Balneario “ten que entender tamén que si Mondariz non depura adecuadamente as súas augas sucias, Mondariz Balneario é un dos principais prexudicados, xa que as persoas que se bañan no Tea neste último concello sofren as consecuencias”.

A solución é “unha solución supramunicipal e dialogada, coa construción dunha rede separativa de pluviais e fecais por parte da Xunta de Galicia, esas son as claves para solucionar o problema ao tratamento de augas residuais de Mondariz”, resume Montes Bugarín.

“Na construción da depuradora participaron todas as administracións, polo tanto na resolución das discrepancias que xera a súa xestión tamén deben implicarse todas elas. Calquera outra alternativa será un xesto para a galería, pero non traerá unha solución ao problema”, concluíu o portavoz independente.