Luns, 20 Xaneiro de 2025

Alternativa por Mondariz declina asistir a unha reunión “individual” co Goberno local para os Orzamentos 2020

Alternativa por Mondariz anunciou hoxe a súa intención de non asistir a unha “reunión individual” convocada polo Goberno do BNG-PSOE de cara a tratar a elaboración dos Orzamentos 2020.

A formación que encabeza Xoán Carlos Montes Bugarín, nun escrito presentado no Rexistro do Concello de Mondariz, asegura que “a transparencia non se fomenta con reunións individuais cos grupos da oposición” xa que dita postura “só xera opacidade e máis crispación ao clima político existente”.

Ese é un dos motivos que levan a AporM a instar ao Goberno local a “apostar pola transparencia” e que as reunións para a elaboración dos orzamentos “sexan conxuntas e abertas a todos os partidos políticos que conforman a Corporación Municipal”.

A postura amosada pola formación independente baséase no coñecemento da importancia “que uns orzamentos teñen para o municipio” e, polo tanto, para o conxunto da veciñanza.

Considera AporM “que non é o momento de seguir dividindo á Corporación Municipal e facer reunións individuais” senón que é ao goberno actual “como responsable da situación política existente” a quen lle corresponde “tender pontes entre todas as forzas políticas co obxectivo de acadar o documento orzamentario consensuado ao que fai mención o concelleiro de Facenda no seu escrito”, apunta Xoán Carlos Montes.