15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizA depuradora de Vilasobroso segue sen funcionar 10 meses despois do remate...

    A depuradora de Vilasobroso segue sen funcionar 10 meses despois do remate das obras

    Os concelleiros Xoán C. Montes e Tino denuncian que a EDAR, pensada para dar servizo aos barrios da Pena e O Cruceiro, segue sen servizo despois de investir máis de 137 000 € 

    Estas actuacións consisten na construción dunha depuradora de augas residuais, mediante humidais artificiais para fluxo subsuperficial de aireación forzada. Este proxecto foi redactado no mandato anterior, sendo alcalde Montes Bugarín.

    Ambos os dous edís consideran que, cando se contratou a obra, xa se debería ter incluído no orzamento a conexión eléctrica da instalación para aforrarlle cartos ao concello e para acelerar a súa entrada en servizo, o que evitaría a situación actual, na que as obras executadas non permiten solucionar o problema da depuración de augas sucias á veciñanza: 180 veciños do barrio da Pena.

    Conexión inmediata

    O concelleiro de AporM Tino Menéndez e o portavoz municipal Xoán C. Montes Bugarín veñen de visitar a depuradora que ía prestar servizo aos barrios da Pena e O Cruceiro, na parroquia de Vilasobroso. Alí comprobaron que, case un ano despois da súa recepción por parte do Concello de Mondariz, segue sen entrar en funcionamento. O goberno municipal leva 10 meses sen contratar a conexión eléctrica desta instalación, polo que a depuradora non pode entrar en servizo.

    As obras executadas, nas que se investiron 157.718 euros, incluíron unha baixa de 20.188 € a cargo da empresa contratista, de tal forma que o investimento final foi de 137.530 euros. Por esta razón, o noso grupo esixe que eses 20.188 € sexan investidos á maior brevidade na dotación da conexión eléctrica da depuradora “para que poida entrar en servizo canto antes”.

    Os edís municipalistas defenden que, “á maior brevidade posible sería necesario construír o colector que permita conectarse a esta depuradora aos veciños e veciñas do barrio do Cruceiro”, algo que neste momento non está previsto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.