Sábado, 8 Febreiro de 2025

Choque contra unha árbore en As Neves

Onte ao mediodía, ao fío das 14:00 horas, un particular informaba ao 112 Galicia de que un coche chocara contra unha árbore despois de saírse da vía, cando circulaba pola estrada que une Liñares e Salvaterra, no concello pontevedrés das Neves.

O alertante indicaba que ao volante ía unha señora maior e que necesitaba asistencia sanitaria. Ademais, solicitaba axuda posto que, debido á posición na que quedou o vehículo, as persoas que se atopaban no lugar non se atrevían a quitar á ferida do interior do turismo.

Así, tras ser alertados os servizos sanitarios, o 112 Galicia informou dos feitos aos membros do GES-SPEIS de Ponteareas, que finalmente non foi precisa a súa intervención, xa que os veciños do lugar lograron auxiliar á ferida mentres non chegaban os servizos sanitarios.

Ademais dos profesionais de Ponteareas, foron informados os Bombeiros de Porriño e os axentes de Tráfico.

A muller foi trasladada polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.