Sábado, 3 Maio de 2025

As Neves oponse á liña de alta tensión que pasaría por Vide

O Concello tramitará as alegacións das veciñas e veciños e encabezará a oposición a este proxecto contactando con Arbo, A Cañiza, Monção e Melgaço para levar este asunto á Unión Europea

O Concello de As Neves vén de anunciar que confeccionará un modelo de alegación que será empregado polas veciñas e veciños que se opoñan ao trazado da Liña de Alta Tensión que Rede Eléctrica Española ten a intención de facer pasar por Vide.

Este é un dos acordos aos que chegaron as veciñas e veciños da parroquia e os membros do Goberno Municipal co alcalde, Xosé Manuel Rodríguez e o tenente de alcalde, Marcelino Couto, ao fronte, na xuntanza mantida o pasado xoves, día 17, na Casa da Auga.

As veciñas e veciños deixaron clara a súa postura contraria á actual proposta de trazado da liña de alta tensión, e ao proxecto en xeral, polas negativas consecuencias que causaría na comarca.

O vindeiro domingo, día 27, coincidindo coa reunión, no mesmo lugar, da Comunidade de Montes, o modelo de alegación será entregado ás persoas que queiran cursala e todos os mesmos tramitaranse dende o propio Concello para facilitar a súa presentación.

Contacto cos demais concellos afectados

Na mesma xuntanza, o Goberno local asumiu o compromiso de contactar, dende a Alcaldía, cos demais Concellos afectados na zona (Monção, Melgaço, A Cañiza e Arbo) e a encabezar a mobilización fronte a este proxecto.

Chegar ata Europa

O Goberno municipal tamén acudirá á euro-parlamentaria galega Ana Miranda para expoñerlle este asunto e pedir que o mesmo se poña en coñecemento das autoridades e organismos da Unión Europea.