Domingo, 4 Maio de 2025

As Neves celebra a XVI Festa do Tinto das Rías Baixas

A programación abrangue gastronomía, música, andainas, xogos, propostas de cultura urbana, actuacións e actividades para cativos.

As Neves celebra dende o vindeiro martes, día 11 de outubro, a XVI Festa do Tinto das Rías Baixas que, como nos tres últimos anos, terá o seu día central mércores 12.

Se a edición de 2021 foi a da volta á normalidade, superando as restricións impostas pola pandemia da COVID, este 2022 é o tempo da aposta pola calidade, apuntou a concelleira de Cultura Rocío Barreiro, no acto de presentación, hoxe na Casa da Xuventude das Neves.

Barreiro, que estivo acompañada polo alcalde accidental, Marcelino Couto, e representantes das catro adegas das Neves que estarán presentes nesta edición –Viña Nora, Chan de Vide, Señorío de Rubiós e Entrevideiras– subliñou a concurrencia, un ano máis, de representantes de toda a Denominación de Orixe Rías Baixas, a unha cita que, como o tinto, “colleu corpo e aspira a ser unha referencia no sector”.

A concelleira e o alcalde accidental lembraron que o o espazo gastronómico e de degustación, na Praza Maior estará aberto durante todo o día e haberá mesas para xantar, postos e pulpeiros, e que o día 12, o espazo de xogo para os cativos estará aberto toda a xornada.

Martes 11

As actividades arrancarán o día 11 ás 20:00 h coa ‘Apertura da Festa’,ca actuación musical do Grupo de Pandereteiras Saia da Lá. Ás 21:00 h será o Concerto de Sheila Patricia Trío e pechará a noite cunha sesión de música a cargo de DJ Belindos Music.

Mércores 12

O mércores 12, o día comezará cedo coa ‘Ruta da Festa do Tinto Rías Baixas’, que sairá dende o pavillón de deportes e percorrerá parte do Concello. As persoas interesadas en coñecer parte desta natureza e paisaxe poden inscribirse en Ataquilla.

Ás 11:00 h será apertura da Festa co concerto da Coral Ventos do Val de Petelos, comezará a festa; seguida da recepción de autoridades, ás 11:45h. na Casa do Concello. De contado, ás 12:00h. Pregón ‘Emprendedores da Terra’, a cargo de Alejandra González e Antonio Méndez.

Ao redor das 13:00 h será a quenda do grupo Ronco&Fol, e xusto logo do xantar, ás 15:15h. actuación de ‘Habelas Hailas, que dará paso ás 17:00h. a Actividade Infantil, con Contos ambientais, Miña Casiña meu lar de Caxoto.

Tamén ás 17 h e ata as 20:00 h: Obradoiros de Graffiti, Skateboard, Danzas Urbanas e estampación de camisetas,  na Casa da Xuventude, con ‘Vella Escola’.

Ás 19:00 h terá lugar o concerto do Grupo Ghavetta ata o peche da festa ás 20:30h.