Sábado, 3 Maio de 2025

As Neves avanza na necesaria ampliación do Centro de Saúde

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) contará dende Semana Santa con espazo para ampliar o Centro de Saúde das Neves unha vez que as cativas e cativos que ocupan a actual Escola Infantil da Galiña Azul vaian para a nova gardería, situada a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, que estará rematadas nesas datas.

Así o comprobou o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, quen se desprazou ata As Neves para comprobar o estado do Centro de Saúde e manter unha xuntanza –solicitada polo Xosé Manuel Rodríguez Méndez– con este e coa concelleira de Benestar, Pilar González Casas.

Alcalde e xerente inspeccionaron o estado das instalacións sanitarias no que o Concello xa realizou unha serie de obras e melloras, como o pintado das instalacións, tratamento de humidades, colocación de azulexos, substitución de marcos e a apertura dunha porta para comunicar a consulta de Pediatría e a de Enfermería, obras que, sinalou Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “respondían a unha solicitude que fixeran os responsábeis e profesionais do centro hai máis de 8 anos”.

Os representantes locais, que agradeceron a visita do xerente e cualificaron a entrevista con Julio Comesaña de “moi fluída, cordial e proveitosa”, expuxéronlle a intención de que o espazo que deixa libre a escola infantil, se destine a aumentar a superficie da zona de Pediatría e comprometéronse a remitirlle, por escrito, un adianto do proxecto a desenrolar, inmediatamente despois do traslado da gardería ao seu novo destino.

Na mesma reunión, o alcalde e a concelleira aludiron aos problemas que ten o Centro de Saúde no que á atención sanitaria fai referencia, en concreto á substitución das baixas dos médicos de Atención Primaria –que o pasado mes de xullo causaran ata 20 días de espera para consulta– e no servizo de Pediatría, que “se repiten dende hai varios anos”, problemas que o xerente da Área Sanitaria asegurou que “tentaría solucionar á maior brevidade”, considerando as dificultades que, como explicou, hai na actualidade para atopar médicos.