Sábado, 3 Maio de 2025

As Neves acolle un curso sobre Certificación Forestal organizado pola Asociación Forestal de Galicia

O Rosal e Ponteareas terán a próxima semana sendos cursos de prevención de riscos en uso de maquinaria forestal

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está desenvolvendo este outono un amplo programa de formación en toda a comunidade orientado a mellorar a silvicultura. Un dos próximos cursos abordará a certificación forestal, un sistema que garante a xestión sostible do monte e que é cada vez máis demandado no mercado.

O curso de certificación forestal desenvolverase no concello de As Neves o venres 9 de outubro. Será a partir das 16 horas no Centro de Interpretación do Patrimonio Natural de Taboexa, no lugar de As Barreiras.

No marco da xornada, abordaranse as características dos selos PEFC e FSC, así coma as vantaxes que ten para o propietario forestal a certificación do seu monte.

Uso de maquinaria forestal e prevención de riscos laborais

No marco do programa formativo da Asociación Forestal de Galicia, están previstos tamén sendos cursos a próxima semana sobre prevención de riscos e uso de maquinaria. Desenvolveranse o martes 13 no Rosal (Casa do Monte de Santa Mariña do Rosal) e en Ponteareas o xoves 15 de outubro (Centro Cultural Xinzo), ambos en xornada continua a partir das 8 horas da mañá.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico [email protected], ben nos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214. De cara a garantir a prevención de riscos, haberá xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes e manteranse as distancias de seguridade e o uso obrigado da mascarilla.