9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesA Deputación distingue co ‘selo Revitaliza’ ao CEIP Pazo da Mercé de...

    A Deputación distingue co ‘selo Revitaliza’ ao CEIP Pazo da Mercé de As Neves

    A Deputación de Pontevedra vén de distinguir co ‘selo Revitaliza’ ao CEIP Pazo da Mercé de As Neves por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico. O centro de ensino recibe o distintivo xusto na semana previa á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente por ter participado no programa provincial de compostaxe dende o curso 2017-2018: a día de hoxe toda a comunidade escolar (profesorado, persoal de cociña, alumnado…) está concienciada da necesaria separación dos biorresiduos para valorizalos e producir compost, amosando así un compromiso co medio no seu facer diario.

    A entrega do distintivo produciuse coa presenza do alcalde de As Neves Xosé Manuel Rodríguez Méndez, do concelleiro de Medio Ambiente Óscar González, a mestra composteira Victoria Varela, o persoal do CEIDA que realiza actividades divulgativas de compostaxe co alumnado, persoal de cociña, profesorado, así como todas as nenas e nenos do centro, moi agradecidos polo recoñecemento.

    O CEIP Pazo da Mercé comezou a participar no programa Revitaliza no curso 2017-2018. Entón o colexio dispoñía de dous composteiros individuais de gran tamaño, que pronto quedaron pequenos pola boa participación e uso. En febreiro de 2019 xa foi necesario instalar un centro de compostaxe comunitario que, a día de hoxe está a pleno rendemento. Cada mes énchese o módulo principal de achega e iníciase un novo proceso de compostaxe, que vixía e supervisa a mestra composteira Victoria Varela.

    As achegas de orgánicos proveñen principalmente dos restos de cociñado e do comedor escolar que hai no centro, que atende a uns 150 rapaces e rapazas de luns a venres. Tamén se achegan os biorresiduos dos caldeiros de fracción orgánica que hai nas aulas e no patio.

    Unha vez se produce o compost, é utilizado para as actividades do centro: os cultivos de horta que se realizan nos seis bancais que están no patio do colexio. Cada un deles pertence a un curso escolar para que de maneira demostrativa a rapazada poida coñecer  como se fai un cultivo e como se pecha o círculo, “devolvendo á terra o que é da terra”.

    O ‘selo Revitaliza’ do CEIP Pazo da Mercé non é o único entregado pola Deputación dentro do municipio de As Neves. O pasado mes de febreiro tamén se entregou outro á EFA A Cancela, o centro de formación profesional concertado. Alí participa no proxecto o alumando de Industrias Alimentarias, para o que a iniciativa suma na súa aprendizaxe profesional no mundo da gastronomía, considerando a economía circular como un contido transversal na formación.

    O vicepresidente César Mosquera, responsable do Plan Revitaliza, deu os parabéns ao colexio e lembrou que os negocios, colexios ou entidades de calquera tipo que teñan un “excelente en compostaxe” por cumprir os parámetros establecidos polo persoal do Plan Revitaliza poderán lucir nas súas portas os anagramas do Revitaliza, e tamén o distintivo personalizado, tal e como se fai con outras redes de calidade (Michelín,  Tripadvisor…).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.