Poucos entroidos do sur de Galicia teñen a tradición centenaria do Entroido de Salceda de Caselas. Este ano toca reinventarse e amosar que, nin a pandemia da COVID é quen de frear unha celebración popular como poucas. Optase, iso si, polas novas tecnoloxías que permiten que se poidan celebrar actividades, de xeito virtual, garantindo o cumprimento das normas sanitarias e de seguridade.
Tal e como salientaba a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, “Eeste é un ano difícil no que toca parar” a adianta que se aproveit ará o momento “para avanzar no proxecto para que o noso entroido sexa declarado Festa de Iinterese Turístico de Galicia”.
Entre as actividades previstas e presentada hoxe polo Concello de Salceda, estará o I Concurso de Disfraces de Entroido e, dende a Concellería de Cultura, animan á veciñanza a disfrazarse nas súas casas e non perder o espírito do entroido. Logo, para participar, as persoas interesadas non terán máis que enviar unha fotografía ao enderezo electrónico [email protected] ou por Whatsapp ao número 675 232 832.

Estableceranse tres categorías para os premios: individual, convivintes e votación popular, que contarán como premio un vale de compra de 100 € para consumir nos establecementos do comercio local adheridos a ACISA (Asociación de comerciantes e industriais de Salceda). O xurado estará composto por representantes dos entroidos históricos da Feira e do Barreiro e polo técnico municipal de mocidade.
A programación completarase con varias actividades virtuais, como diferentes obradoiros dirixidos á poboación infantil que se farán públicos nos vindeiros días, ademais de mostras de fotografías e vídeos dos entroidos de edicións pasadas.
Mantendo a tradición, a representante de Castro Barreiro e o representante de A Feira, non quixeron descubrir nada dos seus barrios, que de seguro agocharán algunha sorpresa. Cabe lembrar que o enfrontamento entre estes barrios remóntase cando menos ao ano 1888 en que consta a primeira proba documental, e nin sequera os anos de ditadura conseguiron parar esta festa de tal arraigo en Salceda.
O certo é que como ben apunta a alcaldesa de Salceda “agora o primordial é a saúde, demasiada xente se quedou polo camiño; o Entroido e as festas xa voltarán, e farano con máis forza aínda”.