Venres, 24 Xaneiro de 2025

Salceda solicitará a desafectación da aula de Revolta para destinala a usos socioculturais

O Equipo de Goberno de Salceda levará ao Pleno ordinario do mes de agosto a solicitude de desafectación da que foi a escola de Revolta, na parroquia de Parderrubias. O edificio permanece pechado dende que no ano 2015 a Xunta de Galicia o deixase sen actividade alegando falta de alumnado, e dende entón non se lle deu outra utilidade.

Tal e como explica a concelleira de Educación, Gela Ledo, os edificios educativos en desuso “son unha excelente oportunidade para destinar a usos sociais e favorecer así a numerosos colectivos que poidan facer uso dos mesmos”.

O Equipo de Goberno pretende agora, polo tanto, recuperar o edificio para usos socioculturais, tendo en conta o bo estado do mesmo así como a súa ubicación facilmente accesible, polo que o primeiro paso será propoñer ao Pleno a desafectación do edificio, o vindeiro venres 30 de agosto, en espera de que esta sexa aprobada por unanimidade da corporación.

O Concello segue así co proceso de recuperación dos edificios en desuso, como está a facer na actualidade co edificio da antiga escola de Vendanova, na parroquia de San Xurxo, que na actualidade está a ser recuperada para reconvertila nun centro para maiores con enfermidades dexenerativas como o alzheimer e otras demencias.

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, subliñaba “a grande demanda” de espazos sociocomunitarios que ten Salceda debida “ao grande dinamismo asociativo co que contamos, polo que estudiaremos todas aquelas alternativas que poidan favorecer a estes colectivos que tanto enriquecen o noso municipio”.