O Boletín Oficial de Pontevedra publicou o pasado martes o inicio do período de exposición pública do que será o primeiro Regulamento de Honores e Distincións do do Concello de Salceda de Caselas, encargado de regulara concesión tanto das diversas distincións como o proceso de denominación de espazos públicos, rúas, edificios públicos, sendas ou prazas, entre outros.
O Regulamento agora en período de exposición pública, busca establecer un sistema máis participativo para os distintos nomeamentos como poden ser os de fillo ou filla predilecto/a, fillo ou filla adoptivo/a, salcedense distinguido ou distinguida, alcalde ou alcaldesa honorario, ou as persoas e entidades premiadas na Gala do Deporte, así como as condecoracións como ‘medalla do Concello’ ou ‘Cronista oficial da vila’.
Cómpre lembrar que o Concello de Salceda celebra anualmente, con motivo das festas do Cristo, o acto de nomeamento de salcedenses distinguidos/as, no que se nomean tres persoas polos seus méritos en diferentes campos da vida social.
Ata o de agora esta distinción víñase facendo a proposta do Equipo de Goberno. De agora en adiante e con este regulamento, dita distinción pasará a realizarse dunha maneira reglada e definida, incluíndo a aprobación plenaria das persoas propostas para o recoñecemento. O equipo de goberno (MS e PSOE) busca deste xeito garantir un maior consenso nos nomeamentos que se realicen, así como unha maior participación nas propostas.
O Regulamento foi aprobado inicialmente na sesión plenaria do 30 de agosto cos votos a favor dos grupos de Goberno e a abstención do Partido Popular, e a partir de onte conta con un prazo de exposición pública de 30 días onde tanto a veciñanza como os colectivos e asociacións poderán achegar as súas aportacións para proceder á aprobación definitiva do documento unha vez rematado o prazo de alegacións.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, xunto co resto do equipo de goberno presentaron o regulamento co obxectivo de que os procesos deste tipo “vólvanse o máis participativos e consensuados posible, e que as persoas homenaxeadas dun ou doutro xeito polo Concello sexan representativas dunha ampla maioría da sociedade”.