Sábado, 3 Maio de 2025

Salceda reafirma a súa aposta pola hostalería e o comercio con axudas directas de 500 euros

A cantidade para atender estas subvencións ascende a 26.714,95 euros da achega da Deputación

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas aprobou, na sesión plenaria celebrada este pasado xoves, as axudas directas ás persoas autónomas e pequenas empresas. Con esta iniciativa o Goberno local reafírmase no seu compromiso de axudar a paliar a situación que atravesan comercio e hostalaría debido a crise sanitaria.

A alcaldesa de Salceda e responsable da área de Comercio, Verónica Tourón, explicou que estas subvencións están dirixidas a persoas autónomas, establecementos de hostalería, comercio e pequenas empresas de ata 10 persoas empregadas que teñan a súa actividade en Salceda.

O importe destas axudas directas será dun único pago de 500 euros e poderán compatibilizarse con subvencións de outras administracións. O prazo para as solicitudes comezará unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia.

Para a concesión destas axudas, explica a rexedora local “o Goberno local optou por un procedemento de tramitación áxil, co fin de que cheguen canto antes as axudas ás persoas e establecementos destinatarios”

Esta medida forma parte dun paquete de iniciativas que o goberno local ten establecidas para estes sectores, que se complementan con fondos propios destinados á programación de actividades dirixidas á promoción e fomento do comercio. Ademais estableceuse a exención da taxa de terrazas para os exercicios 2020 e 2021 e outras medidas económicas.