“Un Nadal diferente. Nin mellor nin peor que os demáis, simplemente diferente”. Así definiu na mañá de hoxe a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, a programación de Nadal que hoxe se presentaba e que ofrecerá, durante case que un mes, máis de trinta actividades pensadas, fundamentalmente para un público familiar. Terá o Nadal de Salceda, iso si, o seu prato forte: ‘O Pequeno Circo de Nadal’.
A programación foi presentada hoxe polo Concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, ao que acompañaba a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira; a tenenta de alcaldesa e concelleira de Comercio, Verónica Tourón e Nelson Quiteiro, director artístico do Pequeno Circo de Nadal.

Alex Rodríguez falaba dun programa “atractiva” non só para as e os máis pequenos, senón para toda a familia. Un programa que ten teatro, ranchos de reis a novidade do Pequeno Circo de Nadal ou actividades, xa tradicionais, como a San Solvaestre Solidaria ou o concerto da Banda Cultural de Salceda.
Pola súa banda, Nelson Quinteiro expresaba o seu “orgullo” por poder formar parte da programación de Nadal e definía ao ‘Pequeno Circo de Nadal’ como “un circo pero entendendo o concepto circo como recipiente, un espazo simbólico compartido no que queremos que a veciñanza de Salceda viva unha auténtica experiencia navideña”.

O espectáculo está dirixido ao público infantil porque, recalcou, “Salceda ten unha das poboacións máis novas de toda Galicia e é importante deseñar experiencias como esta”.
Así, dentro dese circo crease un espazo único para a diversión con zonas de lecer para que os e as máis cativas “pinten, coloreen, recorten ou construian” pero, ao mesmo tempo, un espazo para espectáculos. “Escollimos, –explicou Quinteiro– os espectáculos máis participativos, que apostan pola lingua galega, pola nosa música e a nosa cultura e que teñen, sobre todo, moitísima enerxía”.
O Apalpador e a Apalpadora, terán un especial protagonismo porque, asegurou o director artístico do Pequeno Circo de Nadal, “amais da tradición, o apalpador e a apalpadora achegan outros valores moi interesantes como a proximidade, a ecoloxía, a sostibilidade con agasallos sostibles e o medio ambiente”. O Apalpador xigante hoxe presente na rolda de prensa e creado por Títeres Errantes de Burgos, terá a súa compañeira “porque queremos poñer en valor a igualdade”, concluíu Quinteiro.

A tenenta de alcaldesa e concelleira de Comercio, Verónica Tourón “encantada pola idea da figura feminina do Nadal”, salientaba a intención do Goberno local de “darlle un cambio” ao Nadal e, como responsable de Comercio, destacaba o papel protagonista do Comercio ao que definía como “motor económico de Salceda” e, de cara a facelo partícipe a Concellería de Comercio organizou un concurso de escaparates de Nadal “aberto a todos os establecementos, incluídos ou non na Asociación de Comerciantes, que ten o prazo de inscrición aberto ata o 20 de decembro”.
E, sen dúbida, un concurso que precisará da participación da cidadanía que será a que vote, ata o día 3 de xaneiro, ao escaparate que lle resulte máis atractivo para, na tarde de Reis, facerlle entrega ao establecemento gañador dun pequeno agasallo. E un programa “participativo”, recalcaba Verónica Tourón, no que “traballan todas as áreas do Concello perfectamente coordinadas para consguir o que queríamos, un Nadal diferente”.

Nesa “diferenciación” facía fincapé a alcaldesa Loli Castiñeira ao sinalar que “cando se cambia de equipo de Goberno é preciso darlle un xiro ás cousas e nós apostamos por un Nadal diferente e facer cousas diferentes”. “Din que este Nadal ten un ‘toque fiminino’ –dicía Castiñeira– e non o vou negar porque a maioría da Corporación é feminina”.
Fuxía, eso sí, das “comparativas” tan de moda neste Nadal 2019. “O noso Nadal é diferente. Nin mellor nin peor que ningún outro, simplemente diferente”. A diferencia, explicaba a rexedora local, “é evidente. Temos algo que a maioría non ten: nenos e nenas”.
Non se pode esquecer, lembraba Loli Castiñeira, que “hai máis de 1.600 nenos e nenas nesta vila e temos unha media de idade moi nova, en torno aos 42-43 anos”, de aí que a programación sexa no só para os máis pequenos e pequenas, senón para toda a familia.