A Casa da Cultura de Salceda foi o escenario elixido para presentar, na mañá de hoxe, o programa do Entroido 2020 do municipio, posiblemente un dos máis antigos da provincia e que dende hai máis de 130 anos mantén o enfrontamento, tan encarnizado coma incruento, entre dos barrios da mesma parroquia: A Feira e Castro Barreiro, do que existe unha primeira referencia escrita en 1888 o que fai pensar que é bastante máis antigo que esa data.
O programa, que se desenvolverá entre o 21 e o 25 de febreiro foi presentado pola alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, acompañada polo concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, e representantes dos dous barrios –Sofía Carracedo e Félix Méndez pola Feira e Arancha Rodríguez e Ana Troncoso polo Barreiro–.
En todo caso, o entroido de Salceda, sabe adaptarse aos tempos sen perder nin unha migalla da súa esencia tradicional. Cambios como poden ser permitir aos ‘maiores’ participar nas comparsas xa que, noutros tempos, só podían participar os mozos e mozas e deixaban de facelo no momento no momento de se casar. Agora, a eliminación dese ‘requisito’ fai que se teña conseguido a implicación, no seu conxunto, de toda a veciñanza.
Outras cousas, tal e como se deixou patente na rolda de prensa, non cambian. Ni cambian nin cambiarán. O secreto que rodea á elaboración das carrozas de ámbolos dous barrios é tal que “so saben como serán as persoas que traballan nela”. Ese ‘secretismo’ marabilloso fai que, ano tras ano, as carrozas e as comparsas de Castro Barreiro e A Feira ou A Feira e Castro Barreiro, sorprendan a propios e estranos. Por se fora pouco, engádese a música en directo que contribúe a darlle un ambiente tan marabilloso como único.

Na rolda de prensa, ámbolos dous barrios, quixeron agradecer “o traballo dos nosos maiores que fai posible manter esta tradición”. Maiores que, co seu saber acumulado e a súa experiencia, contribúen a facer “o mellor carnaval do mundo”.
Todos estes elementos fan que Salceda goce dun Entroido que segue loitando, dende hai anos, por ser declarada Festa de Interese Turístico (outros con menos méritos e historia as costas teñen este recoñecemento). Pero, polo que parece, nin contar cun Entroido centenario nin posuír elementos patrimoniais únicos como os cabaleiros os danzantes e as damas, –antiga tradición felizmente recuperada dende 2018– son ‘méritos suficientes’ para dita declaración.
Un Entroido de ‘tres en un’
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, amosaba a súa satisfacción polo feito de que un pobo ‘pequeno’ de preto de 10.000 habitantes “poida ter tres entroidos en un” xa que, lembraba a rexedora local “contamos cun Entroido Infantil no que participan máis de 1.200 nenos e nenas de 0 a 16 anos desfilando polas rúas; o Entroido ‘institucional’ con máis dun cento de participantes que desfilan o domingo e o Entroido tradiciona co enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira”.
Loli Castiñeira quixo agradecer ao concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, o seu traballo e lembrou tamén que un acontecemento deste calibre “precisa, amais do traballo da Concellería de Cultura, un traballo transversal e coordinado de todos e cada un dos departamentos municipais”. Ese agradecemento quixo a alcaldesa de Salceda, facelo extensivo “aos voluntarios e voluntarias, á Policía Local e Protección Civil sen os que sería imposible poder gozar destes eventos multitudinarios”.
Programa
Venres 21 de febreiro
- 11:00 Desfile de entroido dos
centros escolares.
- Escola Infantil Xoaniña
- Escola Infantil A Galiña Azul
- CRA Raíña Aragonta
- Cep Altamira
- IES Pedras Rubias
- 19:00 Aula aberta de danzas do mundo con Mercedes Prieto. Praza do Concello
- 20:00 Desfile polas rúas do grupo de batucada OS ESPANTARRATOS da Feira
Sábado 22 de febreiro
- 16:30 Festa Infantil de disfraces. Parque Raíña Aragonta.
- 18:30 Actuación do Coliño Bailongo. Parque Raíña Aragonta
- 20:00 Concerto da Banda Cultural de Salceda. Auditorio Municipal.
Domingo 23 de febreiro
- 12:30 Rancho de Entroido da Feira acompañado dos Cabaleiros. Praza do Concello
- 13:00 Desfile dos Cabaleiros polas rúas da vila ata o Parque Raíña Aragonta.
- 17:00 XXII Desfile de carrozas e comparsas. Saída da Praza da Devesa
- 19:00 XII Concurso de coplas de Entroido. Praza do Concello.
- 20:30 Verbena co grupo Nebraska
Luns 24 e martes 25 de febreiro
- Centenario enfrontamento entre os barrios de A Feira e Castro Barreiro, con verbenas no dous lados.
Martes 25 de febreiro
- 17:00 Presentación das Carrozas e Comparsas de A Feira e Castro Barreiro na Praza do Concello, e ás 19:00 no cruceiro de Fontedapedra.