Domingo, 16 Febreiro de 2025

Salceda investirá máis de 1 millón de euros na renovación do seu alumeado público

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a apertura da licitación do proxecto de renovación do alumeado público exterior no Concello de Salceda de Caselas, con un orzamento de 1.398.731,82 €. O proceso de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 26 de febreiro.

Este importante proxecto está financiado na súa totalidade por fondos europeos a través do IDAE, constituíndo deste xeito a maior subvención da historia de Salceda e que, segundo a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, “é o resultado do traballo de moita xente ao longo destes últimos anos, que hoxe por fin se fai realidade”. Castiñeira lembrou que se está a falar “da maior subvención da historia do noso Concello, que nos vai permitir acometer unha reforma fundamental a custe cero para as arcas municipais”.

Trátase dunha actuación integral no rural a fin de conseguir unha infraestrutura de alumeado segura e eficiente enerxeticamente, para o cal se levará a cabo unha renovación dos 53 cadros e dos 2.780 puntos de luz existentes nas parroquias do municipio, co que se conseguirá reducir o consumo de enerxía en máis dun 60%. A reforma levarase a cabo durante este ano 2024.

Para Marcos Troncoso, concelleiro de Axenda Ecolóxica, este investimento “supón un fito para o noso Concello, porque ademais de conseguir a renovación completa da rede de alumeado público e o impacto indubidabelmente positivo que isto suporá en canto a aforro enerxético e económico, implica tamén un paso adiante en termos de sostibilidade e no compromiso deste Concello por diminuír o seu impacto ambiental e contribuír na mitigación do cambio climático”.