Mércores, 11 Decembro de 2024

Salceda envía unha solicitude á Consellería de Sanidade e ao SERGAS pola situación que se está a vivir no Centro de Saúde

A alcaldesa, Loli Castiñeiras, expón que nas últimas semanas están a recibir multitude de queixas dos veciños e veciñas do municipio pola dificultade que se está a producir para recibir
atención no Centro de Saúde.

Lévanse producido situacións de ter realizado máis de 15 chamadas ao centro de saúde sen que ninguén responda, e cando o veciño ou veciña ante esta situación se achega ata o edificio para conseguir unha cita tampouco lle dan esa opción, comunicándolles que as citas tan só se
poden dar a través de chamada telefónica. Isto estase a producir tamén naqueles casos en que o/a paciente sae dunha consulta presencial e se achega ao mostrador para pedir unha cita, negándoselle esa cita e obrigando á persoa a chamar por teléfono para solicitala, chamada que logo, non se responde.

A isto súmase que as persoas que por fin conseguen que lles establezan unha cita se atopan con que a primeira cita se está a dar con máis de 15 días de retraso, o que perde todo sentido cando estamos a falar de atención primaria.

Como consecuencia desta situación son moitos os veciños e veciñas que acoden ao servizo de urxencias do PAC do Porriño ou que se presentan directamente no Hospital Álvaro Cunqueiro, co consecuente colapso dos servizos de urxencias en cuestións que a priori dependen da atención primaria.

Ante esta situación son numerosas as reclamacións trasladadas a este Concello. A alcaldesa considera especialmente grave e moi preocupante que nun momento de pandemia como o que estamos a vivir neste momento resulte practicamente imposible acceder á atención primaria, que debería estar máis cerca que nunca da veciñanza.

Solicita

Se tomen medidas para corrixir a situación moi deficitaria que se está a dar no servizo de atención primaria no Concello de Salceda de Caselas, co reforzo de persoal administrativo e de liñas telefónicas, de xeito que se garanta unha correcta atención á nosa veciñanza.