O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellería de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, vén de publicar as bases para participar no XXIII Desfile de Comparsas e Carrozas do Entroido 2022, que se vai celebrar o domingo 27 de febreiro de 2022.
Durante a semana do 7 ao 13 de febreiro as comparsas e agrupacións de Salceda poderán realizar a súa inscrición, e dende o 14 ao 20 de febreiro as comparsas de calquera concello poderán formalizar a inscrición, que será obrigatoriamente pola sede electrónica do Concello.
Nun ano no que a pandemia aínda non rematou, as bases recollen xa diferentes supostos nos que se podería adiar a celebración. No caso de que a incidencia de casos se sitúe en cifras altas nos días previos ao desfile, dende a Concellería de Cultura que dirixe Alex Rodríguez, se contempla a posibilidade de adiar a celebración ata que as condicións sexan máis favorables, tendo sempre como data límite o 3 de abril de 2022.
Logo da cancelación do 2021, este ano volve o desfile con algunhas modificacións respecto ás edicións anteriores. Por unha banda, o percorrido vese modificado na súa parte final, evitando que os colectivos entren na Praza do Concello como en diferentes anos. Por outra, este ano non se celebrará o concurso de coplas ao final do desfile, como si se viña facendo en edicións anteriores.
As agrupacións deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes, e poderán presentarse con ou sen carroza, establecéndose diferentes categorías en ámbolos dous casos. Todas as comparsas admitidas recibirán unha compensación económica pola súa participación, que varía entre os 150 e os 900 € en función do número de compoñentes. Ademais da dotación económica, establécese un xamón como premio para diversas categorías:
Toda a información e as bases do concurso poden consultarse a través da páxina web do Concello www.salcedadecaselas.gal ou no taboleiro de anuncios do mesmo Concello e as redes oficiais.
En Salceda, o Entroido é unha das súas festas máis importantes, para o que se prepara xa unha ampla programación que será presentada ao completo uns días antes das festas.
A programación municipal completará o xa tradicional enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira, que hai xa máis de 130 anos se ven celebrando, e para o que os barrios levan xa tempo traballando arreo no máis estrito segredismo.