Sábado, 3 Maio de 2025

O sector da imaxe persoal de Salceda súmase á protesta estatal que reclama a baixa do IVE

A Praza do Concello de Salceda de Caselas foi escenario, onte, da protesta dos e das profesionais do sector da imaxe persoal do municipio (salóns de peiteado, baberías, salóns de estética…) que, con esta iniciativa, sumábanse á reclamación a nivel estatal da rebaxa do IVE ao 10 %.

Lembran as traballadoras e traballadores que durante esta pandemia da COVID que vai cara a un ano e sen trazas de rematar a curto prazo (Galicia está hoxe en valores superiores ao mes de marzo do 2020), “o sector demostrou que presta un servizo esencial”, tanto é así que viña recoñecido como tal no decreto do estado de alarma.

Nunha crise que aínda que afecta a todos os sectores produtivos, déixase sentir especialmente entre as persoas autónomas, “pagar o 21 % de IVE supón unha sangría para o sector cada vez máis difícil de soportar”, sinalan.

Doutra banda lembran que, só en Salceda, “somos 32 empregos directos, e dúcias de indirectos as e os que viven deste sector económico” e consideran quepagar o 10 % de IVE é unha simple cuestión de xustiza.

Compre salientar que no ano 2012, o Goberno que entón presidía Mariano Rajoy, subía o IVE para o sector dende o 8 %, que pagaban nese momento, ao 21 % o que supuxo que tiveran que pechar moitos dos negocios do sector.

Por ese motivo, todo o sector da imaxe persoal uníase onte na Praza do Concello de Salceda “para apoiar a Convocatoria estatal e reclamar o que consideramos os nosos xustos dereitos”.