Domingo, 4 Maio de 2025

O Pazo Pegullal de Salceda acolle esta fin de semana un concerto de Música no Ar

O programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra continúa o seu percorrido este xoves, 24 de agosto, en Salceda de Caselas. O concerto ofrecido pola formación Lulavai celebrarase no Pazo Pegullal ás 20:00 horas dentro desta iniciativa provincial composta, este ano, por 15 actuacións de música clásica e de cámara que se levarán a importantes espazos patrimoniais da provincia: museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos e fortalezas.

Lulavai é un cuarteto de arpas formado polas viguesas Josefa Fernández, Paula Oanes, Elena Paz e Lorena Reinaldo, unha insólita formación cuxo protagonismo recae sobre catro arpas celtas e a polifonía das súas voces. Lulavai interpretarán temas con orixe na música tradicional galega e outros de carácter persoal inspirados noutras músicas e estilos musicais de todo o mundo. Os arranxos están pensados para o seu instrumento principal e as súas voces, ademais doutros instrumentos de percusión tradicionais como pandeiros, pandeiretas ou culleres. O repertorio abrangue temas tranquilos que convidan a ser escoitados cos ollos pechados e outros máis rítmicos de marcado estilo tradicional.

As integrantes coñecéronse en 2005 e emprenderon o proxecto Lulavai en 2008 para explorar novos mundos sonoros e interpretar, con arranxos coidados e elaborados, temas tradicionais galegos e de composición propia. Nese ano foron seleccionadas como finalistas no ‘Festival cancioneiros’ da Fundación Pedro Barrié de la Maza e, desde entón, publicaron dous álbums e están a piques de lanzar un terceiro traballo discográfico.

A programación de “Música no Ar” está composta por 15 formacións, de dúos a cuartetos, con repertorios entre o clásico e o contemporáneo, música instrumental e voz pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Tralas actuacións xa celebradas en Nigrán, Vila de Cruces, Vilaboa, Cuntis, Soutomaior e Mos e a de Salceda, o programa continúa ata setembro con máis concertos en Ribadumia, Ponte Caldelas, Mondariz, Bueu, Crecente, Forcarei, Salvaterra e A Cañiza. O calendario completo pódese consultar no sitio web da Deputación.