Sábado, 3 Maio de 2025

O Orzamento 2020 de Salceda de Caselas supera os 5.000.000 de euros

As contas, aprobadas inicialmente, permiten que o Concello poida ir achegándose á súa necesidade real de gasto

O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar inicialmente o seu Orzamento Municipal para o ano 2020. As contas, por un total de 5.000.340 € supoñen un incremento de cerca de 200.000 € respecto do orzamento anterior, o que lle permite ao Concello ir achegándoo á súa necesidade real de gasto.

A concelleira de Facenda, Lucía Pereira, que agradecía o traballo realizado polos departamentos de tesourería e intervención “nun ano complicado coma este”, subliñaba que, en pouco máis dun ano “o Goberno local foi quen de aprobar os seus orzamentos” e dese xeito “cúmprese co acordo establecido no pacto de goberno”, aputa a concelleira.

O capitulo de persoal, –un dos máis grandes e que máis aumenta–, recolle como novidade a consignación económica necesaria para os postos de Tesourería (que pasa a ser de habilitación nacional) e Oficial de Policía. Estes postos –destaca o Goberno local– “resultan fundamentais para unha mellor optimización do traballo municipal, o que sen dúbida se verá reflexado nos servizos prestados á cidadanía”.

O capítulo de inversións recolle 313.835 € que se reparten en distintas partidas, como pavimentación de viais, mellora de edificios ou adquisición de bens.

Doutra banda e a pesar da situación de inactividade que están a ter en xeral as asociacións por mor da COVID, tal e como xa anunciara o equipo de goberno mantéñense os 92.000 € en subvencións nominativas para o tecido asociativo de Salceda, aos que hai que sumarlle máis de 30.000 € destinados a apoio de eventos culturais e deportivos e deportistas individuais, canalizados a través da partida de protocolo e propaganda.

Amais dos orzamentos, a concelleira de Facenda Lucía Pereira, amosaba a súa satisfacción polo feito de que “a Conta Xeral está a piques de rematar o período de exposición pública, o que nos permitirá aprobala dentro dos prazos establecidos”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, facía fincapé sobre a importancia que teñen “uns orzamentos actualizados” para dar resposta ás necesidades da veciñanza “sobre todo nunha vila como Salceda que destaca polo seu dinamismo e polo seu constante crecemento”.

Castiñeira amosaba a súa satisfacción non só por “ter levado adiante un orzamento real”, senón tamén “polo grandísimo traballo de equipo que hai detrás”.