Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Salceda solicita subvención para a 2ª fase do novo pavillón municipal

O Concello de Salceda de Caselas vén de solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra para a asistencia técnica na presentación de proxectos que poidan optar aos fondos europeos Next Generation UE do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do ámbito do turismo deportivo sostible.

A alcaldesa da vila, Verónica Tourón, opina que ”xestionar todas as posibles vías de financiamento para acadar para Salceda infraestruturas vitais é fundamental dada a capacidade limitada de recursos que posúen os concellos para levar a cabo estes grandes proxectos”.

Estes fondos europeos forman parte da compoñente 26 do PRTR destinado ao Fomento do Sector do Deporte e serán regulados por unha orde de subvención que nas próximas semanas publicarase no BOE por parte do Consello Superior de Deportes do goberno de España.

O obxectivo fundamental da Concellería de Deportes, que dirixe Rubén González, é realizar a presentación para esta subvención do goberno de España destinada ao financiamento de infraestruturas e dotacións deportivas e poder completar así o proxecto integral do novo pavillón municipal. que na súa primeira fase foi presentado para a solicitude de fondos dentro do Programa PON2030 da Deputación de Pontevedra e que se aprobou no último pleno ordinario celebrado no día de onte.

Rubén González explicou “esta subvención que solicitamos terá como finalidade obter a mellor asistencia técnica para presentarnos a esta importante subvención do goberno de España, que a través desta liña de financiamento nos vai permitir completar esta infraestrutura fundamental”.