Domingo, 11 Maio de 2025

O Concello de Salceda acondiciona a escola da Revolta para usos comunitarios

Nos últimos días deron comezo as obras de acondicionamento e mellora da Escola da Revolta, na parroquia de Parderrubias en Salceda, para usos comunitarios.

Esta actuación, levada a cabo polo Concello de Salceda de Caselas, ascende a 12.293,00 euros. Unha das actuacións máis importantes é a accesibilidade da edificación seguindo a liña de traballo de que todas as instalacións municipais sexan accesibles e sustentables.

Instalarase tarima na aula e rodapés, ademais da instalación de novas fiestras, actuacións que mellorarán o illamento da aula.

A alcaldesa da vila, Verónica Tourón, quixo destacar que “con esta actuación na escola da Revolta continuamos coa nosa folla de ruta de rehabilitación e recuperación de instalacións municipais para por ao servizo da veciñanza, con espazos polivalentes para aproveitar os recursos municipais e que o seu uso sexa moito máis eficiente”.

Ademais, executarase a rehabilitación integral do aseo existente, con novas tomas de auga e electricidade e a colocación dos aparatos sanitarios.

Esta intervención ten como obxectivo recuperar e por en valor as instalacións municipais destinándoas a usos e servizos destinados ao benestar da veciñanza. Neste caso será utilizada por colectivos e asociacións da parroquia para o desenvolvemento de actividades de carácter cultural e social.