16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasLoli Castiñeira: “chegar a acordos a través do diálogo é fundamental e...

    Loli Castiñeira: “chegar a acordos a través do diálogo é fundamental e aquí, en Salceda, demos exemplo”

    “A clave do éxito do noso traballo é a nosa capacidade de facer equipo”

    Loli Castiñeira é a primeira alcaldesa da historia de Salceda de Caselas. Pase o que pase así quedará reflectida na historia do municipio. Dáse nela a circunstancia, non habitual, de chegar á alcaldía trala renuncia do alcalde electo, Marcos Besada, quen abría con este xesto a posibilidade de pactos que finalmente fraguaron para dar ao municipio, por primeira vez en anos, unha maioría estable.

    O seu carácter firme –moi firme– pero aberto ao diálogo e a procura de consensos, fixo posible algo que no mandato anterior parecía impensable, un pacto de Goberno co PSdeG-PSOE encabezado por Verónica Tourón quen collerá a vara de mando da alcaldía nos dous últimos anos de Goberno.

    Sempre que fala do Goberno que encabeza, fala de “equipo”, sen distincións e porque sabe perfectamente –Movemento Salceda e PSOE o saben– que so traballando coordinados e cunha relación baseada na confianza mutua, poderán acadar os obxectivos de facer avanzar un dos municipios con máis potencial de Galicia.

    Transcorridos seis meses de mandato, como mira agora a súa chegada á alcaldía?
    As chegadas sempre son difíciles porque unha ten que adaptarse. Ben é certo que xa teño experiencia como concelleira con oito anos as costas, pero a responsabilidade de levar unha Alcaldía, indubidablemente, pesa.

    Dáse unha situación moi especial neste mandato e é o feito que temos maioría, que temos un excelente equipo de persoas novas e formadas pero, sobre todo, de persoas moi produtivas. Esa produtividade transformase en feitos como o demostra que fomos quen de rematar moitas obras que estaban en marcha e poñer servizos en marcha, como o de Atención Temperá, nun período de tempo moi pequeno.

    Falaba vostede de maioría… maioría estable?
    Moi, pero que moi estable. Nestes últimos seis meses esa xa é unha pregunta recorrente: “como vai a relación? como traballades?” e a resposta sempre é a mesma porque non pode ser outra: traballamos excelentemente, o equipo funciona e a relación é moi boa e moi fluida. Evidentemente hai discrepancias e discusións pero, lonxe de ser un problema, serven para mellorar as relacións. A relación, repito, é moi boa e ter ese sentimento de maioría e a garantía de que o interesante e importante para toda a veciñanza pode saír adiante da moitísima tranquilidade.

    Así que cando fala ‘da miña xente’…
    Pois cando falo ‘da miña xente’ falo do equipo de Goberno en global e iso o teño máis que claro. Para min, ‘a miña xente’, son as sete persoas do Goberno. Nesta mesa tómanse ás decisións en equipo. É máis, na sinatura dos acordos falábase dun reparto de fondos en función da representatividade. A mostra evidente que somos un equipo é que nas decisións que tomamos obviamos iso. Se o que se necesita é un proxecto como o Servizo de Atención Temperá, por moito que esa área a leve o Partido Socialista ou noutro caso Movemento Salceda, se é prioritario é prioritario para o equipo e esa será a clave do éxito do noso traballo. A capacidade de facer equipo.

    Parece que había quen non entendía moi ben o de alcaldía repartida en dous períodos de dous anos.
    É novidosa. Pola zona non se dan moitos casos pero si que empezaron a tomalo un pouco como exemplo. O que se trataba de chegar a un punto de acordo. Creo que en política hai que entender que o diálogo é posible sobre todo entre forzas progresistas e esa é unha situación que cada día veremos máis, precisamente pola diversidade de forzas que hai. Chegar a acordos a través do diálogo é fundamental e aquí, en Salceda, creo que demos exemplo. É un acordo atípico?, pode, pero iso non significa que non sexa bo para a cidadanía que ao final é o que realmente importa.

    O dixemos en máis dunha ocasión e, evidentemente non será a última, somos un equipo novo e temos unha maneira diferente de facer as cousas.

    Nin mellor nin peor, diferente… creo que era a frase.
    Si. Esa foi a frase que utilicei cando fixemos a presentación do programa de Nadal, que xurdiu de xeito espontáneo, pero creo que a podemos seguir utilizando para máis cousas porque define perfectamente a liña de traballo de todo o equipo de Goberno.

    Cambia moito a situación de cando vostede estaba de tenenta de alcalde a agora?
    A principal diferencia é que un Goberno en feminino. Por primeira vez o equipo está formado por máis mulleres que homes e por primeira vez na historia de Salceda a alcaldía é dunha muller e iso marca a diferencia.

    En que cousas?
    Pois en moitas, comezando polo feito de que se fan políticas transversais pensando na igualdade.

    Gobernar un concello cunha das poboacións máis novas de Galicia, supón unha complexidade engadida?
    A verdade é un reto, pero un reto absolutamente apaixonante. Ben é certo que ás veces supón unha maior complicación sobre todo se temos en conta que estamos nese punto en que os servizos se nos quedan escasos.

    Unha poboación infantil tan numerosa, unha poboación cunha media de idade tan baixa fai que o dinamismo e as necesidades sociais sexan moitísimas. A xente quere establecerse en Salceda e iso obriga a potenciar os nosos servizos. Somos un pobo con futuro.

    Servizos como cales?
    Pois por exemplo precisaríamos xa dunha segunda escola infantil da Galiña Azul, necesitaríamos un segundo pavillón e menos mal que xa está en construción o centro de saúde novo que vai marcar un antes e un despois na calidade de vida da veciñanza. Pero si que é certo que estamos nese punto no que, ou ben pasamos dos 10.000 habitantes e polo tanto seríamos considerados nos ingresos do estado doutro xeito, e nos permitiría reverter ese diñeiro na cidadanía e así dispoñer deses espazos tan necesarios.

    Aínda así facemos un esforzo tremendo para que ese dinamismo social teña resposta por parte do equipo de Goberno, por este equipo que ten unha media de idade que non supera os coarenta e poucos anos e que, polo tanto, representa fielmente á sociedade de Salceda. Así que percibimos o que a veciñanza quere, sabemos escoitar e transformamos esas necesidades da cidadanía en solucións e en feitos.

    De aquí a que vostede deixe a alcaldía, que proxecto lle gustaría deixar feito?
    Podemos falar de dous cousas ben diferentes. En canto a obras desexo en que chegue o día en que o Centro de Saúde estea aberto, en servizo e cun Plan Dotacional axeitado porque, non nos chamemos a engano, de nada serve que teñamos un edificio magnífico se logo non temos a dotación tanto medica como pediátrica que precisa este concello. Ademais diso, neste primeiro tramo de mandato hai dúas obras que son prioritarias que son comezar saneamento de dúas parroquias que carecen totalmente del –Soutelo e Entenza– e a rotonda da Lagoela, unha obra que permite derivar o tráfico cara a Salvaterra e O Porriño. Así, o peso do tránsito pola nosa vila quedaría reducido e permitiría un casco urbano máis seguro, máis accesible e máis axeitado para os colectivos que máis nos interesa coidar como son a infancia, os nosos maiores e as persoas con discapacidade.

    Amais das obras, que outro obxectivo que lle gustaría deixar cumprido?
    Pois un que, ao mellor, podería parecer menos importante pero que para min é fundamental: saír a escoitar aos veciños e veciñas, a eles e aos colectivos que os representan como centros culturais, comunidades de montes, traídas, asociacións veciñais…

    Xa tivemos varia saídas e temos que seguir nesa liña. Como alcaldesa teño que saber que é o que necesitan os meus veciños e veciñas, sobre todo as parroquias e que, entre todos e todas, sexamos quen de facer a Salceda que queremos. Pero que quede claro, non só dende o Goberno, senón coa implicación e a complicidade da veciñanza.

    Son consciente de que as últimas obras producíronnos moito desgaste por duración e incomodidades que supuxeron e, polo tanto, de agora en adiante quero contar coa opinión e o acordo da veciñanza para ver cales son as prioridades a acometer, nas parroquias e no centro da vila…

    Sempre foi vostede unha defensora da participación veciñal…
    É que non pode ser doutro xeito. Ti podes ter a túa idea de Salceda. Eu, persoalmente, teño o meu proxecto para Salceda, un proxecto que comezou o meu compañeiro Marcos Besada que fixo un traballo excepcional que permitiu facer esta Salceda que temos que é fermosa. Eu pretendo seguir nesa liña de cambio, pero o que quero é que a xente sexa partícipe. Teño a miña idea, temos o noso proxecto como equipo pero quero, porque é necesario, que a xente síntase identificada con este proxecto.

    Un proxecto seu?
    Un proxecto do meu equipo. Eu sempre falo de equipo. As decisións que tomamos son transversais en todas as áreas e se deciden en equipo.

    Goberno de coalición ou bipartito?
    De coalición. Bipartito ten unha connotación case que peiorativa, de división. E este Goberno é xustamente o contrario, unir polo ben de Salceda, eu chámolle equipo en todo momento porque realmente é o que somos e o tempo encargarase de demostralo para desgusto duns poucos. Eu confío plenamente neste equipo, sei que vai durar e sei que vai traer grandísimos resultados para Salceda. Temos por diante retos máis que importantes nos que traballar unidos como son o PXOM ou a modificación puntual do Cerquido que son fundamentais para o desenvolvemento do municipio.

    Como acolle a cidadanía non soamente o cambio de goberno, senón que sexa unha muller a que o preside e que se converta na primeira muller na alcaldía na historia de Salceda.
    Creo que non fun consciente dese feito ata que cheguei a casa. Xantaba co meu sobriño, que tamén e o meu afillado, e me dixo “madriña, ti sabes que es a primeira alcaldesa de Salceda?”. Nese momento decateime da importancia dese feito… Penso que esta alcaldesa está a ter unha boa acollida na cidadanía.

    Creo que non hai cousa da que te poidas sentir máis orgullosa que, primeiro ser galega e segundo ser alcaldesa do teu pobo

    Da vértigo?
    Si claro, moito. Pero ao mesmo tempo a min emocióname dun xeito incrible. Creo que non hai cousa da que te poidas sentir máis orgullosa que, primeiro ser galega e segundo ser alcaldesa do teu pobo. Pódenche pasar moitas cousas boas na vida, pero eu creo que esta é unha das máis importantes sobre todo para alguén a quen lle apaixona a política como a min.

    Como definiría a Marcos Besada?
    Marcos Besada como político é un auténtico monstro. Foi a persoa que transformou esta vila. Foi capaz de reunir un equipo que creu no seu proxecto e o fixo común e con el transformamos Salceda. Para min vai ser o alcalde do ‘cambio’ cada día.

    O saber apartarse para que o proxecto que tiña pensado para Salceda puidera continuar adiante, é un exemplo de honestidade política?
    Marcos político e Marcos persoa é, fundamentalmente, unha persoa honrada. Tan honrada que foi quen de dar ese difícil paso. Para min, a nivel persoal, resultoume moi difícil aceptar que quixera tomar esa decisión, pero é unha decisión que lle honra. Poucos saen da política coa cabeza tan alta como Marcos Besada. Tanto no eido político como no persoal. Para min é unha persoa á que quero especialmente, é meu amigo antes que o meu compañeiro en política e ao que lle estou tremendamente agradecida.

    Aprendín moitísimo del. Cando outros, coa absurda intención de ofenderme, din que son a súa copia, pois que queres que che diga, que estou moi orgullosa de ser unha persoa que aprendeu de Marcos. Evidentemente coa miña personalidade e a miña idea á hora de desenvolver proxectos, pero si é certo que é unha persoa á que hai que imitar porque o bo, hai que imitalo.

    Como lle gustaría ser recordada, como primeira alcaldesa de Salceda, dentro dun tempo?
    Pois non o sei porque é algo no que nunca pensei. Gustaríame que me lembraran como unha persoa que soubo escoitar, que cometeu algún que outro erro porque errar é inherente ao ser humano, que fixo un bo traballo e como unha persoa que foi quen de achegar certa paz e tranquilidade na vila, que creo que é un pouco o que está a acontecer agora.

    Esta tranquilidade que se percibe agora socialmente ten un pouco que ver tamén coa miña personalidade, porque son unha persoa de diálogo, de consensos, con carácter ben é certo, pero que sempre tenta buscar o diálogo para sumar. Quero que se me recorde como unha boa alcaldesa.

    A tensión municipal dos primeiros meses diminuíu?
    Pois todo apunta a que si. E una das preguntas que fago cando me reúno cos colectivos e o que se percibe é certa calma despois de moita tensión e presión social como a provocada polas obras como falabamos hai uns momentos. Agora respirase unha certa paz e me trasladan de xeito positivo o que se está a facer.

    Relacións con outras administracións?
    Con algunha comecei cos seus máis e cos seus menos, pero agora estamos nun punto bo. Tanto coa Deputación coa que mantemos unha relación excelente, coma coa Xunta que espero sexa igual. Non estou para ver cores políticas, estou para ver o avance do meu pobo e para iso son quen de falar con calquera administración independentemente da súa cor política. Teño solicitadas tres entrevistas con tres Consellerías para levar adiante proxectos, e no que fai referencia ao progreso do meu municipio e mellora do benestar dos meus veciños e veciñas, non me doen prendas en falar con quen sexa.

    Cada día máis alcaldesas, cada día se fala máis de igualdade pero, hai unha certa sensación social de involución neste problema?
    Ben, igual podemos ter esa sensación pero só polo feito de que se fala máis de Igualdade. Somos conscientes de que existe un problema social e iso non é malo porque polo menos témolo identificado.

    Falabamos outro día que de 61 concellos da provincia, 14 teñen alcaldesas. Certo é que nos últimos anos o salto cuantitativo é moi importante pero queda moito por facer. E eu creo que imos seguir avanzando porque sempre digo que a igualdade non é cuestión de ser máis, ou que se nos recoñeza mais, trátase de ser e ter unha democracia máis xusta. Eu creo que esa é a cuestión.

    Se somos unha poboación incluso maior que a dos homes, deberemos ter as mesmas oportunidades e o día que alcancemos esa realidade de unha sociedade igualitaria será, sen dúbida, unha sociedade máis democrática e máis xusta.

    Non. Non creo que haxa involución, o que pasa que están moito máis identificados tanto as e os que estamos a favor desa igualdade coma as persoas que están en contra. Estes agora, polo menos, teñen cara, teñen apelidos e están identificados cunha siglas. Como case que todo na vida, cando tes identificado o amigo e o inimigo os teus esforzos e o teu traballo está mellor enfocado e é máis produtivo.

    As mulleres para medrar na política teñen que estar mellor preparadas que un home porque lles é moito máis difícil chegar?
    Non só en política. En todas as cousas. A nosa dificultade na vida é, básicamente, en que tes que ser nai, tes que ser parella, tes que levar unha casa, en casos tes que encargarte de familiares dependentes e a iso tes que engadirlle moitas horas no traballo e, tradicionalmente, todo iso recae na figura da muller. Esa dificultade, tamén é certo, que nos fai máis fortes e á vez máis sensibles. Por iso que nos custa chegar, pero cando chegamos nótase. Utilizamos a frase unha vez máis, non somos nin mellores nin peores, somos distintas.

    Non é que non me gusten as redes sociais pero creo que, agora mesmo, nas redes sociais falta unha parte de verdade. As redes sociais amosan unha realidade a medias

    Debe ser a única alcaldesa que non utiliza as redes sociais, non lle gustan?
    Non teño redes sociais persoais, teño a do Concello e incluso a de Movemento Salceda como órgano político. Non é que non me gusten as redes sociais pero creo que, agora mesmo, nas redes sociais falta unha parte de verdade. As redes sociais amosan unha realidade a medias.

    Na vida política como na persoal, hai cousas boas e cousas malas e a xente ten que ser amosada na súa totalidade. Na vida política non todo son éxitos, hai cousas do día a día que supoñen un esforzo tremendo que son difíciles e que non se exhiben nas redes sociais.

    Na vida persoal pasa o mesmo. Parécenme un escaparate co que non estou totalmente de acordo pero é unha visión miña, particular e persoal. A xente que me coñece sabe cal é o meu punto de vista nese sentido. Paréceme correcto institucionalmente porque a cidadanía ten que saber, en cada momento, en que se está a investir o seu diñeiro pero, a nivel persoal, non as considero importantes.

    Nós, nestes últimos anos sufrimos un auténtico acoso e derrubo por perfís falsos e creo que detrás das redes sociais e destes perfís ocultase a destrución. Unha cousa é a liberdade de expresión e outra moi diferente utilizar as redes para ataques persoais, para denigrar, mentir e non podo estar de acordo con esta liña. Para min en política, non vale todo.

    Sei que a cidadanía de Salceda é intelixente para saber distinguir estas cousas. Eu confío na intelixencia dos meus veciños e veciñas para discernir o que hai detrás desas informacións.

    Que conste, o quero deixar claro, que a min moléstame igual a que cor insulten, é algo igualmente rexeitable e algo que nunca vou apoiar nin entrar nese xogo sucio. De feito nin a través das redes de Movemento Salceda e moito menos dende as do Concello, fixen este tipo de ataques e polo tanto non os consinto.

    E certo que, nos momentos máis duros de acoso que tivemos, en Movemento Salceda vímonos na obriga de saír ás redes para informar da realidade, pero sen entrar na bola de ataques e inxurias.

    Moléstanlle os ataques puramente políticos?
    Molestarme non, dóenme porque son moi sensible. Dóenme no momento pero son unha persoa que pensa moito, que analiza e que lle da as cousas a importancia que teñen. A vida é marabillosa, fermosa, composta de un montón de cousas importantes que a min me equilibran e si, os ataques políticos doen, pero nada máis.

    Apréndese dos erros?
    Por suposto. É fundamental, pero non só en política. Na vida mesma unha ten que aprender dos erros e ten que asumilos. Aquí ninguén é perfecta. Cometes un erro e tes que pensar que para a próxima vez tes que estar máis atenta para que non volva a acontecer.

    O PXOM para cando?
    Pois ese un dos dous aspectos fundamentais do urbanismo de Salceda, o PXOM e a modificación puntual do Cerquido, onde están concentradas a maior parte das nosas industrias. Son dous temas moi ligados porque a modificación puntual do Cerquido sería unha peza do propio PXOM que é un documento importantísimo para este municipio. Esta ten que ser a lexislatura de impulso do PXOM.

    Un municipio que crece…
    Esa é a historia. Escoitaba datos alarmantes de que somos a autonomía que máis poboación perde de toda España e eu, mentres escoitaba estas novas, pensaba que en Salceda temos futuro e un futuro extraordinario que, ás veces como dicía antes, me inquieta polo de ‘morrer de éxito’, pero por outra prodúceme unha alegría tremenda porque nos di que estamos vivos. En Salceda hai moitísima vida. Polo tanto é necesario aprobar este Plan Xeral que nos permita ter pavillóns novos, espazos para a súa instalación, estabilizar unha zona tan importante no industrial, laboral e formativo como é O Cerquido.

    Temos por diante un reto apaixonante e que cremos que, neste mandato, ten que ir. Temos que aproveitar esta estabilidade, a compenetración deste equipo, a concordancia entre as dúas partes que formamos parte do Goberno e impulsalo. Temos claro que é unha parte fundamental dos acordos de Goberno e sacarémolo adiante.

    Gustaríalle que fora por unanimidade?
    Encantaríame.

    Pero é un desexo máis utópico que real, ou non?
    Pois non o sei. Ao mellor neste mandato incluso cambia esa forma de ver as cousas. Eu teño que ver o ben dos meus veciños e veciñas. Poñamos por exemplo o caso do saneamento de Soutelo e Entenza. Se eu teño que ir da man de Santiago Rodríguez Davila, (portavoz do PP), á Xunta á que nos reciba a conselleira, eu non teño ningún problema porque sei que o obxectivo é conseguir un servizo para os meus veciños e veciñas. Alá cada quen para que logo faga a venta política que queira. Ao mellor, igual non me é rendible políticamente a min, pero iso dáme igual. Eu o que vou conseguir é que a veciñanza teña un servizo fundamental e iso, como alcaldesa, é o traballo que teño que facer.

    Como son as relacións coa oposición?
    A relación é boa. Fan o seu traballo de oposición. As veces me gustaría que fora máis doado para chegar a puntos de acordo e proxectos comúns que beneficien ao municipio e trataremos que así sexa, a través do diálogo, facéndoos partícipes da toma de decisións, cousa que as veces por falta de tempo non é posible, pero eu, repito, son persoa de diálogo, gústame a política de xestos.

    Por exemplo, nesta pasada Festa dos Callos invitei a Chicho (José Manuel Fernández Rodríguez, alcalde de Salceda do PP durante 31 anos) a formar parte dos actos institucionais e foi un xesto porque, honradamente, creo hai que ver a política dende outro punto de vista.

    Hoxe tócame a min ser alcaldesa, pero os alcaldes como Chicho e Marcos teñen que estar presentes na vida política deste concello porque forman parte da súa historia. Con erros, con acertos e que, independentemente das cores políticas, formaron parte desta vila, seguen a formar parte dela e se eu podo seguir facéndoos participes, o seguirei facendo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.