Nesta semana, a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira; o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel González, e o arquitecto municipal, Rubén Martín, reuníronse con Jose Luis Díez, xefe territorial de Infraestructuras e Movilidade en Pontevedra, e Fausto Núñez, xefe da AXI de Pontevedra, para analizar os diferentes temas que ambas institucións teñen sobre a mesa.
Alcaldesa, Concelleiro e Arquitecto aproveitaron a xuntanza para lembrar a importancia de que a Xunta poida acometer o proxecto de remodelación do enlace da PO-510 coa PO-411, na zona da Lagoela, fundamental para mellorar a seguridade nun punto no que se levan producido xa numerosos accidentes polas incorporacións que teñen que realizarse na propia ponte, que veñen a demostrar a perigosidade do enlace. O proxecto xa foi presentado en marzo do 2018 nunha xuntanza entre Concello e Xunta, pero aínda non hai data de realización, polo que a alcaldesa Loli Castiñeira ven de solicitar unha cita coa conselleira, Ethel Vázquez para poder retomalo e que poida ser unha realidade canto antes.
A solución proposta pasa pola construcción de dúas glorietas a ámbolos dous lados da ponte, que permitan tódolos movementos e cambios de sentido sen obrigar o acceso ao centro de Salceda de Caselas para completar os xiros, unha vez descartada a opción de construcción dunha rotonda en superficie polo seu elevado custe e complexidade técnica.
“Estamos a falar dunha proposta fundamental para Salceda, e para garantir a seguridade das persoas que acceden ao municipio por ese enlace, o principal xunto co enlace da Gándara”, sinalou a alcaldesa de Salceda.
Tamén sobre este segundo enlace existe un anteproxecto que a AXI ten xa fai tempo sobre a súa mesa, que permitiría mellorar a contorna e reorganizar o tráfico na contorna.
Ademais na xuntanza analizáronse outros temas que están actualmente sobre a mesa, como son a próxima construcción dunha senda peonil e ciclista que unirá o casco urbano co IES Pedras Rubias, ou a mellora do enlace dende a rotonda da Gándara ata o antigo matadoiro.
A alcaldesa, Loli Castiñeira, manifestoulles a importancia de acometer eses proxectos aos representantes da AXI, e agarda que a Conselleira a poida recibir canto antes “para tratar en primeira persoa estes temas tan importantes para Salceda”.
“A seguridade das persoas ten que ser a premisa fundamental tanto para o Concello como para a Xunta. Estamos seguros de que en breve teremos boas novas sobre estas importantes propostas”, rematou a rexedora local de Salceda.