Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta licita as obras dunha nova senda peonil e ciclista na estrada PO-411 en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas

O proxecto inclúe a disposición dun paso de peóns elevado, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411,  en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, cun investimento de máis de 876.000 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio da contratación desta actuación, cun prazo de presentación de ofertas que remata o vindeiro 25 de xaneiro.

Trátase da execución dunha senda de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada de titularidade autonómica PO-411, cun trazado que coincide en planta e alzado coa vía actual e cun ancho que oscilará entre os 1,80 e os 2,30 metros.

Esta actuación no núcleo de Parderrubias desenvólvese en tres treitos: un na marxe dereita da vía de acceso ao IES Pedras Rubias; outro na marxe esquerda da estrada PO-411, entre os puntos quilométricos 4+260 e 5+985; e o terceiro, tamén pola marxe dereita, entre os puntos 5+970 e 6+250.

Ademais proxéctase un paso de peóns elevado no punto quilométrico 3+715, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas.

Nas obras tamén se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento.

Esta intervención, que facilitará os desprazamentos dos veciños en condicións máis seguras e sustentables, será cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.