A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras para a reposición do firme e o execución de dous muros de contención para a mellora da EP 2401 no Porriño. A actuación foi adxudicada por preto de 90.000 euros e soluciona problemas de estabilidade da vía así como aposta pola seguranza viaria entre os puntos quilométricos 3+322 e 3+351 e 4+165 e 4+179.
En concreto, as obras executadas inclúen o saneo e reposición do firme da estrada e a execución dun tramo de beiravía de formigón entre os puntos quilométricos 3+322 e 3+351.

Deste xeito preténdese corrixir a estabilidade do noiro recuando o eixo e a beiravía e dotando dunha berma na coroación do terraplén. Ademais, tamén se puxo en marcha unha varanda de seguridade para protexer ás persoas usuarias da beiravía.
Por outra banda, na mesma estrada executáronse dous muros de contención entre os puntos quilométricos 1+165 e 4+179, un deles de nova planta e outro para substituír un existente co fin de solucionar problemas de inestabilidade.
Nestes tramos tamén se repuxeron beiravías afectadas polos desprendementos e executouse unha cuneta para protexer os noiros dirixindo as augas ata o leito dos regos Miñoteira e Centeáns. Finalmente reforzouse a drenaxe da plataforma multiplicando a capacidade dun sumidoiro.