A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre reunirase o vindeiro xoves, 19 de setembro, en Madrid, con María Luisa Domínguez Gónzalez, directora xeral de Planificación e Proxectos do ADIF. A reunión en Madrid, segundo o Concello porriñés “froito das persistentes xestións ante o Ministerio de Fomento”, será un novo intento para dar forma a un convenio que posibilite executar o soterramento da vía férrea e eliminar o actual paso a nivel.
O Goberno Municipal de Porriño entende que ese futuro convenio debería ser participado polas catro administracións públicas –Estado, Xunta de Galicia, Deputación Provincial e o propio Concello– para asumir de xeito conxunto a financiación da obra.
Esta nova iniciativa do Concello do Porriño busca dar continuidade ás xestions realizadas hai un ano pola alcaldesa coa presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera que citou a Eva García en Madrid. Naquela reunión, de data 31 de agosto de 2018, a presidenta do ADIF comprometeuse a retomar a proposta unánime dos grupos municipais e dos colectivos sociais e económicos de Porriño para suprimir o paso a nivel como evidenciouse na histórica manifestación do 1 de xuño dese ano.
O paso a nivel existe en Porriño dende 1948. A súa supresión é unha demanda histórica que se reforzou a partires do accidente de hai tres anos cando o Tren Celta descarrilou o que provocou catro mortos e preto de medio centenar de feridos.